FIOT en pausa comeza a venda de entradas

O teatro volve de xeito seguro á Carballo. O FIOT en pausa xa ten data para o inicio da venda de entradas para os espectáculos que conforman a programación especial que impulsa a Asociación Cultural Telón e Aparte coa colaboración do Concello de Carballo e que terá lugar entre os días 9 e 18 de outubro. O vindeiro luns, día 5, sairán á venda as entradas para os espectáculos da cita, que traerá á comarca de Bergantiños dous Premios Nacionais de Teatro, estreas de compañías galegas ou creacións que exploran novos formatos a través da tecnoloxía.

 

A limitación da capacidade dos recintos culturais por prevención da covid-19 suporá unha redución no número de entradas que a organización poña á disposición do público para as diferentes funcións que teñan lugar tanto no Pazo da Cultura coma noutras sedes do FIOT en pausa . No caso concreto do sistema de venda para os espectáculos que se celebren no centro cultural da rúa Pan, estas terán lugar de xeito individual ou dobre e, ademais, incorporará unha mellora específica para garantir que se poidan ofrecer o máximo de billetes en concordancia coa normativa que estea vixente no momento da función.

Así, a venda do FIOT en pausa para os espectáculos de pago que se representen no Pazo da Cultura ( Curva España, A lingua das bolboretas, A xente 2.0, Liberto e Prostitución) desenvolverase en dúas fases diferenciadas a través da plataforma www.ataquilla.com . Nun primeiro momento, a partir das 10.00 horas do luns 5, a organización porá á venda 60 entradas para cada espectáculo, agás no caso da estrea de A xente 2.0 que, pola propia estrutura da obra (formato non convencional), contará cun máximo de 30 entradas dispoñibles.

A segunda fase da venda de entradas activarase o xoves anterior á función en cuestión, a partir das 10.00 horas, e até 3 horas antes do inicio da mesma. Unha vez rematado este período, e no caso de que aínda queden entradas dispoñibles, estas unicamente estarán á venda de xeito presencial. Os billetes poderanse adquirir, desde 90 minutos antes do inicio da representación, no Pazo da Cultura.

 

Entrada gratuíta

No caso das estreas da ficción sonora A lúa, válvula de spray, ou da performance Live, de Emma Santos, a entrada será de balde, previa reserva do acceso a través de mensaxe na plataforma WhatsApp ao teléfono 604 008 235. Para gardar a praza, o público deberá enviar una mensaxe na que indiquen o nome e apelidos, espectáculo e función á que desexa asistir. Mentres que no caso de Live haberá 3 posibilidades (sábado 10, ás 18.00, 19.00 ou 20.00 horas), o proxecto inaugural do FIOT Fónico contará con diferentes sesións durante as fins de semana (días 9, 10, 11, 16, 17 e 18 de outubro) nas que se desenvolverá a programación. Por mor das restriccións de acceso aos espazos culturais por prevención da covid-19, a organización limitará as reservas do público a un máximo de dúas entradas por obra, coa idea de favorecer a asistencia do maior número posible de persoas.

A confirmación das prazas de asistencia tanto para Live como para A lúa, válvula de spray realizarase mediante esta mesma canle, a través da cal tamén se enviarán as condicións de acceso ao espectáculo, e as reservas terán un m
No caso do IV Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado , a programación manterá o sistema de reserva habitual e cun máximo de dúas entradas por persoa. A partir do luns 5, o público poderá reservar vía correo electrónico a súa praza para os seis espectáculos – Palabra, Croquetas, Manuela é unha inuit. Política postcovid, Evasión, Lara hierro: monólogo para corpo en movemento e Ferro, Federici (unha introdución) – que se desenvolverán os días 10, 11 e 17 de outubro. A dirección á que se deberán enviar os datos requeridos (nome, apelidos, peza e función) é fiot.microteatroentrada@gmail.com .

FIOT en pausa

A Asociación Cultural Telón e Aparte, coa colaboración do Concello de Carballo, propón para este outono unha programación especial que manteña sobre as táboas a esencia do Festival Internacional Outono de Teatro, a cita coas artes escénicas con maior afluencia de Galicia e que este ano non celebrará a súa 29a edición. A suspensión do festival, anunciada o pasado 22 de setembro, prodúcese como consecuencia ante a incerteza provocada polo contexto sanitario, a redución de butacas nos recintos culturais e a dificultade de financiación; e co obxectivo de poder garantir o futuro e a viabilidade de novas edicións do FIOT así como de Telón e Aparte.

A programación do FIOT en pausa levará a Carballo algúns dos espectáculos máis recoñecidos da tempada escénica. É o caso de pezas como Curva España, de Chévere, ou Prostitución, dirixida por Andrés Lima. No Pazo da Cultura Tamén estarán obras moi agardadas, como a recén estreada A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, ou Liberto, que opta a 7 galardóns nos Premios María Casares. Precisamente o compromiso coa creación galega e coa investigación de novos formatos escénicos é unha das ideas transversais que conforman a programación, como referenda a estrea de Live, de Emma Santos, A xente 2.0, de María Vázquez e Víctor Duplá, ou a ficción sonora A lúa, válvula de spray, unha coprodución do FIOT e LIDISS que marca o inicio do proxecto FIOT Fónico.

A lúa, válvula de spray é unha dramaturxia da artista carballesa Rosalía Fernández Rial que dirixe Quico Cadaval. A peza, que conta con Melania Cruz, María Roja e Santi Romay no reparto, emprega o espazo público de Carballo coma escenografía. Deste xeito, a veciñanza poderá percorrer, acompañados polos seus dispositivos móbiles, un relato itinerante que se desenvolve na localidade a través de seis escenarios ou murais.

Deixar unha resposta