O Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana vén de presentar a cuarta edición do Festival de Teatro de Viana do Castelo que se desenvolverá do 10 ao 18 de novembro en diferentes espazos emblemáticos.Para esta ocasión, a compañía vianense programa 16 representacións en 4 espazos e 8 horarios diferentes, para poder respectar as esixencias sanitarias. En conxunto, serán 58 actividades repartidas por diferentes puntos da cidade portuguesa. | Foto: Sara Lourenço |
A inauguración correrá da man da compañía coa estrea de Falar Verdade a Mentir, de Almeida Garret baixo a dirección de António Capelo, o martes 10 de novembro ás 21.30 horas na Sala Principal do Teatro Municipal Sá de Miranda. A mesma sala acollerá ao longo da semana varias compañías portuguesas como o Teatro Regional da Serra do Montemuro o día 12 de novembro con O último julgamento e a Companhia de Teatro de Braga o 13 de novembro co espectáculo A criatura. Na fin de semana, o colectivo A Turma desembarcará en Viana do Castelo con Alma o 14 de novembro mentres que o Teatro da Terra subirá a escena o domingo 15 con Ermelinda do rio.
Na segunda semana de Festival, destaca no programa o espectáculo Veneno de Cláudia Lucas Cheu con Albano Jerónimo e o CENDREV – Centro Dramático de Évora, que presentará os tradicionais Bonecos de Santo Aleixo o mércores 18 de novembro.
Teatro para todos os públicos
Ademais da Sala Principal, o Café Concerto do Teatro Municipal Sá de Miranda acollerá varios espectáculos para todas as idades. É o caso de Pequeno Retábulo do Teatro das Beiras o día 11 de novembro e a Companhia de Chanca que os días 13 e 14 de novembro presentarán Sítio. O día 15, Teatro Plage presentará o seu espectáculo para bebés Lullaby e xa o 16 de novembro, a vez será para Cátia Terrinca e o seu Silêncio, unha creación da compañía Um Colectivo.
O IV Festival de Teatro de Viana do Castelo contempla tamén residencias artísticas, instalacións, performance, debates e a presentación do número 3 da Coleção Peças do Noroeste co texto dramatúrxico O Gato Malhado e a Andorinha Sinhá, de Alexandre Calçada, Ana Perfeito, Elisabete Pinto e Tiago Fernandes.