A necesidade de redacción deste texto, elaborado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) co apoio da Deputación da Coruña, xurdiu coa declaración do estado de alarma por mor da COVID-19.
A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) presentou o pasado luns 15 de marzo, un Manual de Boas Prácticas na Xestión Cultural para Espectáculos ao Vivo que elaborou a entidade co apoio da Deputación da Coruña. Na presentación telemática do texto participaron Pilar Portela, presidenta da AGPXC; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; e Patricia Hermida e Ángel Dieste, autores do mesmo.
A intención deste manual é a de establecer dun modo práctico, os pasos que debe seguir calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, á hora de afrontar a organización dun espectáculo ao vivo. A presidenta da AGPXC, Pilar Portela, descatou durante a presentación que “desde a asociación queríamos que fose eminentemente práctico e útil para todas as axentes que participan nun espectáculo e que poñemos a disposición de todo o sector”. Pola súa banda, os autores do texto, Patricia Hermida e Ángel Dieste, encargáronse de realizar a presentación do mesmo, destacando que “é un documento que pretende respostar dun xeito áxil e accesible ao reto de organizar un evento ou espectáculo en base ás boas prácticas, que non son outras que as que veñen sustentadas pola responsabilidade social, ambiental e cultural e pola propia normativa e lexislación vixente”.
O manual contou co apoio da Deputación da Coruña, dentro das súas liñas de subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro con función de representación sectorial e colectiva. O deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, destacou que “este manual, será unha ferramenta de uso e de interese non só para os concellos senón para os teatros, auditorios, entidades culturais que programan actividades ao vivo. Desde a Deputación da Coruña, non só nos compracemos en apoiar esta proposta, senón que difundiremos os seus contidos e comprometemonos en distribuílo a través da rede cultural, no que queremos que estas boas prácticas se impoñan para que sexamos exemplo do bo facer da cultura na nosa provincia”.
O manual está a disposición dos profesionais da sector cultural na páxina da AGPXC.