in

Evaristo Calvo asina o Manifesto Galego polo Día Mundial do Teatro

Evaristo Calvo
Imaxe de Corsino | AAAG

O intérprete Evaristo Calvo asina neste 2021 o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, no que reivindica a escena “como unha arte inmortal” e os/as intérpretes que soben ás táboas en cada función como “órgano vital” do sector escénico. No Manifesto, que cada ano promove a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, faise referencia aos efectos da pandemia sobre o teatro, un sector fortemente golpeado pola situación actual.

Evaristo Calvo súmase co seu texto á longa lista de persoas de recoñecido prestixio do sector cultural e das artes escénicas que cada ano, a petición da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, asinan o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Esta listaxe inclúe, entre outros moitos, os nomes de María Xosé Queizán, Xurxo Borrazás, Montse Dopico, Camilo Franco, Inma António ou Carlos Santiago. A xunta directiva da AAAG escolleu a Evaristo Calvo neste 2021 pola súa longa traxectoria na escena, pero tamén por ser o presidente da AAAG durante a preparación e a celebración dos primeiros Premios María Casares que, neste anómalo 2021, chegarán á súa 25ª edición. A AAAG, organizadora dos galardóns, anunciará en vindeiras semanas a convocatoria dos María Casares 2021 e a data para a súa entrega, que tradicionalmente se celebra en coincidencia co 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, pero que neste ano se decidiu adiar por mor da situación sanitaria.

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2021

por Evaristo Calvo

Hoxe vimos de rematar outra volta ao redor do Sol e, outra vez, celebramos o Día Mundial do Teatro. E outra vez, neste lugar do mundo, alguén escribe un Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. O que escribe, nesta ocasión, é un actor que prefire chamarse intérprete. Así, sen máis explicacións. E este intérprete, dun tempo a esta parte, sofre pesadelos ao soñar cunha sala case baleira, con contadísimos espectadores cos ollos abertos pero sen boca e sen a musculatura facial que a circunda. Rostros illados, distantes e inexpresivos. Ao saír a escena, o intérprete comeza a falar e moverse polo escenario e ao reparar na platea paralízase e enmudece, o tempo pásalle  lento, pesado, espeso e esquece que é o que fai nese lugar, e fáltalle aire e sóbralle cobertor e acorda angustiado e vai tomar café para non volver ao soño desacougante. Celebramos o Día Mundial do Teatro nun contexto presuntamente provisorio, no que está restrinxida a razón da existencia do teatro, que é a congregación, o encontro en lugar e tempo das persoas que toman parte no fenómeno artístico da función teatral.


Publicidade

E aínda que este restrinximento non viñese dar na precariedade das intérpretes do teatro, aínda que non significase o empobrecemento material das protagonistas da función teatral, así e todo podería dicirse que supón un golpe mortal infrinxido na parte máis sensible desta arte. Mortal pola dor que provoca na xente da escena e mortal polas ocasións perdidas de comuñón da obra coas espectadoras. O que perdemos, as intérpretes do teatro é o sentido da nosa esencia como tales. Esta peste imprevista vén a sumarse a outras pestes que parecen formar parte indisociable do noso oficio; o desemprego e a baixa consideración social dos/das artistas.

O Teatro é unha arte inmortal, mais esta arte inmortal ten a sua cara viva no agora, no tempo dos vivos que non somos inmortais. Esta xente de agora, está a soster ferida a arte que a humanidade se deu a si mesma para se recoñecer. As intérpretes somos un órgano vital no corpo desta arte inmortal. O teatro non vai morrer, pero hoxe sofre cando este órgano adoece de fame e medo.

As intérpretes do teatro vense impotentes para dar unha vida de calidade a esta arte inmortal no medio desta peste. Choramos na casa e cando nos deixan pisar o escenario, impostamos o que cómpre impostar coa determinación de sempre pero inmersas no pesadelo das butacas deshabitadas e as espectadoras sen rostros. Todo ollos que parecen ollar desde outro mundo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Helen Mirren

Helen Mirren asina a Mensaxe do Día Mundial do Teatro 2021

Teatro es ti

Teatro… es ti