in

Celestina, la tragiclownmedia

Celestina
Imaxes de Jesús I. Clemente e Rocío Gallardo

Ou como facer voar a unha vella rufiá

Atendendo ao título da peza, pareceume que o espectáculo que estaba a piques de presenciar sería, literalmente, unha versión clown da Celestina, célebre peza de Fernando de Rojas que todxs temos lido algunha que outra vez. E en efecto, así foi: unha versión da Celestina en clave de clown. Cun matiz, que xa avanza o mesmo título: a tragiclownmedia, en referencia á segunda liña do título da peza orixinal: La tragicomedia de Calisto y Melibea. Así, neste espectáculo, non só temos unha “Celestina en clave de clown” senón tamén unha interesante crítica a todos os dramas románticos de amores adolescentes desgraciados, dende Plauto e Terencio ata Romeo e Xulieta, pasando polos consabidos Calisto e Melibea.

O terreo do clown, o terreo da comedia, ten sen dúbida a característica da axilidade, e este sería un termo que podería perfectamente definir esta versión da Celestina. Tendo en conta que o texto orixinal é un “señor texto”, non está de máis salientar que La Escalera de Tijera acadan un espectáculo lixeiro, divertido e áxil.

Pode semellar obvio, máis cómpre sinalar que o feito de conseguir un espectáculo lixeiro e doadamente asumible polo público é toda unha proeza que significa moitas horas de traballo previo: dende a análise e compresión da trama, a dramaturxia do texto e a síntese das súas secuencias, ata o delicado traballo actoral, de coreografía e composición.

A composición, física e xestual, é precisa e coidada ata o detalle, como podería ser na modalidade do mimo. O traballo corporal é, sen dúbida, o protagonista da peza, caracterizando os personaxes de xeito inmediato e facilitando, a través do movemento e do seu ritmo, esa axilidade. A isto hai que engadir as dotes acróbatas do elenco, que pode xogar cos seus corpos e construír figuras cos mesmos, como esa Celestina tridimensional coa que dan o aire ao feitizo e, ao tempo, lembran a figura da deusa Hécate, señora das meigas de tripla face. Con todo, algún dos números de malabares vai xustamente á contra desa axilidade mencionada e, máis que axudar a descansar ao público ou relaxar a tensión da trama, fai que perdamos un tanto a conexión co que está a acontecer.

Así e todo, o elenco entrégase a compoñer figuras e piruetas, incluíndo un par de divertidas interpelacións ao público, que entra a formar parte da peza por uns intres.


Publicidade

Unha actriz (Lola Sánchez) e dous actores (Javier Rosado e Roberto Calle) transitan por tódolos personaxes da historia a través do sinxelo xogo cun pano. Pano que, posto na cabeza, nos trae á feiticeira Celestina, mais cando se pon no pescozo estaremos con Calisto ou, a modo de trenza, con Melibea. Outros personaxes, como os criados Sempronio e Pármeno, e as mozas Areúsa e Elicia, pasarán tamén polos cadros que divide o xeito que se lle dá en escena a unha porta coa que os actores xogan e se desprazan polo espazo.

Este xogo axuda a que a peza sexa tan áxil, intelixentemente disposto ao longo da peza e en diferentes niveis, como as piruetas que fan que o pano de Celestina pase a outro intérprete e se vexan obrigados a cambiar de rol a cada intre. É unha peza que te mete no seu xogo como espectador/a.

Con todo, fico coa dúbida de se, precisamente, un texto tan voluminoso como La Celestina é o máis axeitado para este tipo de proposta. A pesares de todo o traballo de síntese e destilado da mesma, a trama perde potencia fronte ao artificio físico e fica nun esqueleto que, se non coñeces a obra orixinal, pode semellar confuso. Se cadra é unha nova crítica ao absurdo dos amores de Calisto e Melibea (que morren de sendas trompadas na cabeza), como salienta o mesmo (atención: spoiler!) dobre final: o público rompe en aplausos trala morte de Celestina, algo que a montaxe busca para parar de súpeto e lembrarnos que aínda non sabemos como acabaron Calisto e Melibea, chegando así ao verdadeiro e cómico final.

Unha peza para desfrutar, tanto pola diversión que procura, como polo talento acróbata e mimético do elenco, así como pola proposta coreográfica da dirección de Javier Uriarte, na que se nota a súa experiencia como artista de circo. Mais non caian na idea de que se trata dunha peza para tódolos públicos, xa que a lubricidade da mesma Celestina orixinal tamén está presente nesta versión.

Un clown para adultos?

Celestina, la tragiclownmedia, a partir do clásico de Fernando de Rojas

Dirección: Javier Uriarte
Intérpretes: Lola Sánchez, Javier Rosado e Roberto Calle
Banda sonora orixinal: Juan Carlos Rey
Deseño e realización de iluminación: Gustavo González
Vestiario: Iluminada Martín
Fotografía: Jesús I. Clemente e Rocío Gallardo
Produción: La Escalera de Tijera

Auditorio do Concello de Vigo. 27 de marzo de 2021.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

El buen hijo

El buen hijo

Galicia Escena PRO

Galicia Escena PRO 2021 abre o prazo de presentación de propostas artísticas