in

EM·NA

Colectivo Glovo
Imaxe de Carlota Mosquera

Vibración e sortilexio EM·NA

EM·NA semellan as dúas sílabas de vibración dun mantra. O e e logo o a, inverte a orde das vogais (a e): e – a. Porén, o m seguido do n respecta a orde do alfabeto. Aínda que parece un nome feminino, tipo Enma, as letras, como acabamos de ver, ordénanse doutro xeito, con ese punto no medio que liga e sostén a resonancia nasal no cranio do em, que se precipita cara á badalada do na: emmm·naaa. Non só vibra o son nos resoadores do noso corpo, tamén acontece iso cos pensamentos e coas imaxes mentais. E pode acontecer co que vemos e sentimos, se a nosa sensibilidade e atención permanecen abertas e atentas, tal cal EM·NA propicia.

EM·NA é a segunda peza do Colectivo Glovo de Lugo, formado por Esther Latorre (Lugo, 1990) e Hugo Pereira (Porto, 1994). Estreouse no Teatro Ensalle de Vigo, dentro do Festival Isto Ferve, o 26 de marzo de 2021, e puido verse tamén, nesa fin de semana, o 27 e o 28. EM·NA estivo en residencia na sala viguesa, onde Pedro Fresneda incorporou a acción lumínica. Un deseño de luz que redondea e amplifica aínda máis ese sentido dramatúrxico relacionado coa vibración e pulsado pola coreografía e polo envolvente espazo sonoro, que xera a música de BabyKatze.

A primeira peza do Colectivo Glovo é M A P A (2016), outro título de dúas sílabas ben sonoras, abertas e solares, coa resonancia do mmm que se abre cara ao a e estoura no pa. Dúas sílabas para dúas persoas, Esther e Hugo. Un dúo con múltiples zonas de movemento amplificado polo unísono. O feitizo dunha danza, dunha escoita tan radical, que converte o dous nun un. Vemos dous e sentimos un. Sentimos dous e vemos un. Xa acontecía en M A P A e volve a suceder en EM·NA. Isto lévanos a inferir que esta nova compañía de danza contemporánea, desde a estrea de M A P A en 2016, cando gañou o Premio do Público do Festival Sólodos en Danza de Ourense ou, en 2019, o 1º Premio no Certame Internacional de Coreografía Burgos – NY, até a primavera deste 2021, é probable que, en vez de lanzarse a producir cada ano un espectáculo, apostaran por afondar nesas dúas pezas que crearon en seis anos. Dúas pezas nas que se destila unha poética dancística moi singular, austera e concentrada, sen concesións a efectismos, nin sequera a poses identificables segundo estilos ou técnicas de danza. Porén, esa concentración e esa austeridade están imbuídas dun movemento de alto rigor e precisión físicas e dun estar pleno e magnético. A creatividade non se exhibe, é sutil, aparece en pequenos xestos, en figuras, actitudes, composicións e movementos dunha beleza única e vibrante.


Publicidade

EM·NA é unha peza dun virtuosismo dancístico delicado e, á vez, poderoso. Intensidade contida. Ascetismo electrizante. Como sinalei, Esther e Hugo, teñen un unísono que é maxia pura. É como se a diferenza se espellase na conxunción e o movemento, deste xeito multiplicado e espellado, adquirise unha vibración que nos toca e nos atrapa.

A luz de Pedro Fresneda é como unha araña a tecer unha tea que se abanea co movemento, igual que a area que move o vento ou as ondas do mar nunha praia. A vibración explícita, localizada en diferentes partes dos corpos do corpo do dúo, fai que as miradas viren e adquiran unha intensidade especial. O movemento acumúlase, contense, estoura en diferentes intensidades e proporcións, flúe e reverbera en nós sen desfacer o seu sortilexio.

EM·NA, de Colectivo Glovo

Creación e interpretación: Esther Latorre e Hugo Pereira
Espazo sonoro: BabyKatze
Deseño de iluminación: Pedro Fresneda
Vídeo: Adrián González e Manu Lago
Vestiario: Jandro Villa
Deseño da imaxe: Marcia Vázquez
Deseño gráfico: Manu Lago

Estrea no Teatro Ensalle de Vigo. XVII Festival Isto Ferve, 27 de marzo de 2021.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Galicia Escena PRO

Galicia Escena PRO 2021 abre o prazo de presentación de propostas artísticas

FIT Redondela

O XXII FIT de Redondela celebrarase en setembro