O Ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, asistirá á presentación do ciclo este mércores 21 de abril, ás 19.00 horas, no Teatro Colón. A iniciativa, impulsada por QueArte Producciones, traerá á cidade bailaríns e coreógrafos internacionais co gallo do 30º aniversario do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña.
O novo ciclo ‘Mar en Danza’ achegará á cidade da Coruña este ano a primeiras figuras da danza internacional. Grandes estrelas coma Julio Bocca, Igor Yebra ou Lucía Lacarra participarán nesta iniciativa cultural impulsada por QueArte Producciones co gallo do 30º aniversario do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña este 2021.
A presentación do ciclo terá lugar hoxe, mércores 21 de abril, ás 19.00 horas no Teatro Colón. O Ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, participará no acto inaugural, que contará coa asistencia do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o director do Conservatorio, Luciano Gómez, e a promotora do ciclo, Carlota Ojea.
‘Mar en Danza’, que conta co apoio da Deputación da Coruña, nace coa intención de situar á cidade herculina como un referente no ámbito da disciplina a nivel nacional. Grandes figuras da danza, tanto bailaríns como coreógrafos, visitarán nos próximos meses A Coruña para impartir clases maxistrais e conferencias, ademais de actuacións e encontros abertos co público.
O encargado de inaugurar o ciclo será o recoñecido bailarín Julio Bocca, que regresa á Coruña 15 anos despois da súa última visita. O arxentino impartirá unha clase maxistral no Conservatorio Profesional de Danza o vindeiro mércores 11 de maio, exclusiva para os alumnos e alumnas do centro. O xoves 12 de maio, terá lugar outra clase maxistral no Teatro Colón. Ao finalizar, impartirá a conferencia Un café con Julio Bocca. Esta proposta estará aberta ao público xeral, con inscrición previa ata completar aforo, a través da web https://teatrocolon.sacatuentrada.es/. Tamén será posible seguir esta sesión de xeito telemático a través das redes sociais do Teatro Colón da Deputación da Coruña.
O seguinte encontro de ‘Mar en Danza’ chegará en outono. O bailarín e coreógrafo vasco Igor Yebra ofrecerá unha dobre conferencia no Conservatorio e no Teatro Colón os días 6 e 7 de outubro, respectivamente. Como peche desta primeira edición do ciclo, a bailarina vasca Lucía Lacarra e o canadiense Matthew Golding presentarán Fordlandia no recinto escénico situado na Avenida da Marina.