in

A primavera o sangue altera

A primavera o sangue altera
A Abundancia e os catro elementos, Jan Brueghel 'O Vello' e Hendrick van Balen

Será certo iso de que a primavera o sangue altera? Acertará a propia alteración, en hipérbato, da orde común desta frase respecto ao excepcional que anuncia? Desde logo, os poles fecundan o ar e moitas aves andan tamén en cerimonia de cortexo e creatividade.

O Primavera en Danza de Carballo, o festival de danza máis lonxevo de Galiza, actívase nestes finais de abril. O Dias Da Dança (DDD), que organiza o Teatro Municipal do Porto (TMP), coa dirección artística do Tiago Guedes, tamén se activa, presencial e online, do 20 ao 30 de abril. Moitas compañías andan a estrear novas creacións. O propio teatro público, o Centro Dramático Galego (CDG) que este ano consegue sacar adiante tres producións propias, vén de estrear Terceiro acto, con dirección de Noemi Rodríguez e Andrea Jiménez. Un concepto de dirección colaborativa que tamén puidemos ver na primeira produción, O charco de Ulises, a cargo do par formado por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, e que aínda se vai reforzar máis en Serva me, servabo te, dirixida por Belén Bouzas e Fran e Diego Martínez Buceta, acrecentando, á aposta pola dramaturxia contemporánea galega, unha peza na que o texto principal vai ser o corpo e o movemento. Por tanto, o CDG está a romper felizmente os usos e costumes da institución, non só por conseguir sacar adiante tres producións nun ano, senón tamén por apostar por directoras/es que nunca dirixiran para esta entidade e por impulsar a creación galega máis actual.

Ademais, nesta primavera tamén abrolla a Bolsa de dramaturxia e creación do CDG, que foi unha proposta lanzada desde a Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGA. Unha iniciativa moi necesaria para impulsar as nosas artes escénicas, que vai atender e coidar todo o proceso até a estrea escénica da peza, sexa esta dunha dramaturga/o individual ou dun grupo, e teña esta a súa base nun texto de literatura dramática orixinal ou ben noutro tipo de textualidades alén do literario.

Será entón que a primavera o sangue altera?


Publicidade

Incluso esta semana vin unhas fotos nas que o presidente da Xunta de Galicia estaba sentado nunha butaca dun teatro, asistindo á estrea dun espectáculo. Foi no Salón Teatro de Compostela, na estrea de Terceiro acto do CDG. Ao mellor o fai moito, iso de ir ao teatro, pero, se é así, eu non me decatei até esta semana pasada. Vin a foto e sorprendeume! E logo pensei para min: Afonso, por que che chama tanto a atención? Pois porque non estou habituado a que as nosas e os nosos responsables políticos acudan aos teatros. E penso eu que é unha responsabilidade política, independentemente do partido ao que se pertenza, tentar acudir aos teatros, que son unha manifestación cultural e artística comunitaria. Acudir para desfrutar, para cultivarse, para coñecer ás nosas artistas. Acudir para dar exemplo, para fomentar as artes escénicas, que son selo de prestixio e desenvolvemento dunha sociedade. Acudir para encontrarse coa xente, sen ser nun mitin de campaña electoral ou na inauguración dunha obra pública (desas que implican tixolo). Acudir para estar tamén co sector das artes e da cultura. Acudir, estar!

Non sei se é que a primavera o sangue me altera, pero confeso que levei unha sorpresa e unha alegría vendo ao presidente da Xunta no teatro!

Que muden as cousas! Que non veña unha xeada queimar (conxelar) as flores e malograr os froitos!

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Redrum Teatro

Redrum inicia os ensaios da súa nova produción, ‘Un home con lentes de pasta’

Mar en Danza

Preséntase o Ciclo ‘Mar en Danza’ na Coruña