in

Redrum inicia os ensaios da súa nova produción, ‘Un home con lentes de pasta’

Redrum Teatro
Imaxe de Redrum Teatro

A compañía teatral inicia unha residencia artística de tres semanas no Auditorio Municipal de Rianxo para encarar o treito final de ensaios desta comedia teatral escrita por Jordi Casanovas que se presentará os días 7  e 8 de maio no Teatro Principal de Ourense. O espectáculo, dirixido, traducido e adaptado por Alex Sampayo, está protagonizado por Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña, Laura Míguez e Fernando González.

Redrum Teatro iniciou onte, luns 19 de abril, unha residencia artística de tres semanas no Auditorio Municipal de Rianxo para encarar o treito final de ensaios da que será a súa nova montaxe: Un home con lentes de pasta. Dirixida por Alex Sampayo, a obra trae o galego unha comedia surrealista escrita polo dramaturgo catalán Jordi Casanovas, autor de obras tan exitosas como Jauría ou Ruz-Bárcenas. Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña, Laura Míguez e Fernando González conforman o elenco dunha peza que pon o foco nas relacións persoais e no efecto que teñen sobre elas as aparencias, o narcisismo, a manipulación e a impostura. Dalgún xeito, esta montaxe trae aos nosos días con grandes doses de humor o conto do emperador espido para radiografar unha conduta intrínseca á condición humana, pero exacerbada nestes tempos de inmediatez e redes sociais: o parecer antes que o ser. En definitiva, un xogo escénico repleto tanto de crítica coma de ironía sobre a camuflaxe e as súas costuras que Redrum estreará no Teatro Principal de Ourense os próximos 7 e 8 de maio. A compañía regresará a Rianxo para representar a obra o vindeiro 22 de outubro.

A obra, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da liña de axudas á creación escénica da AGADIC e coa colaboración do Concello de Rianxo a través desta residencia artística, preséntanos a Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella. Os seus amigos Laura e Fer buscan animala para que aproveite a oportunidade e cumpra un vello desexo: escribir. Traerán a cear a Guillerme, un poeta capaz de namorar cuns versos. Pero a Guillerme non o van satisfacer as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. O escritor desexa algo máis. E Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren, as súas vidas penden dun fío, afóganse na dúbida, algo que Guillerme non vai desaproveitar.

Un home con lentes de pasta será, tras Idiota, o segundo texto que Redrum Teatro leve a escena de Jordi Casanovas, un dos dramaturgos con maior proxección no panorama estatal. Autor de montaxes tan exitosas e pegadas á actualidade como Ruz-Bárcenas ou Jauría, teatro documental que xorde do caso de ‘La Manada’, Casanovas ten asinado unha trintena de textos teatrais. Na súa produción, tamén destaca a exploración dos límites do humor, o dominio da sátira ou o suspense.

O equipo artístico desta montaxe complétase con Davide González na composición do espazo sonoro, a Carlos Álvarez-Ossorio no deseño de iluminación ou María Illobre na caracterización de personaxes.

Redrum Teatro

A compañía Redrum Teatro funciona como unha empresa cultural dedicada á produción e distribución de espectáculos e á edición de libros dende o ano 2009. Dende a súa fundación, a compañía levou a escena obras para o público familiar (Moito ContoRoedores ou A nena que quería navegar) e diversos espectáculos para adultos, entre as que cómpre destacar Currículum vitaeNoiteboaA canción do ElefanteIdiotaO mozo da última fila ou Invisibles, montaxe esta última galardoada cos Premios María Casares á dirección, á iluminación e o texto adaptado en 2019.


Publicidade

Un home con lentes de pasta Redrum

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FEGATEA

A FEGATEA recibe o Premio da Cultura Galega 2020

A primavera o sangue altera

A primavera o sangue altera