in ,

Terceiro acto

Terceiro acto CDG
'Terceiro acto'. Imaxe de Miramemira

Aquí comeza todo

É curioso como os acontecementos bailan no tempo dunha persoa para compoñer coreografías emocionais. No meu caso, o volver asistir como público a un espectáculo do CDG coincidiu coa miña volta a Santiago, logo de tantos meses sen poder –nin ter ocasión de– pisar unha cidade que garda para min tantas memorias.

É curioso, tamén, que esta volta a Santiago coincida cun espectáculo que fala dende o primeiro momento da memoria emocional, das lembranzas e do pasado perdido. Disque non existe a casualidade mais, de existir, saúdo a súa doce ironía.

Viaxei a Santiago para asistir a unha función de Terceiro acto, o novo espectáculo producido polo CDG logo d’O charco de Ulises e que, coa futura estrea de Serva me, servabo te conforma o terceto de propostas teatrais do servizo teatral público galego para esta tempada, dende a renovación da súa directiva en xaneiro do ano pasado.

Terceiro acto é un monumento á memoria e ao tempo, unha homenaxe á vida. Claro, comezar dicindo que é un monumento á memoria pódenos levar a pensar que temos diante un mamotreto deseñado para gabar o teatro que nos deron a coñecer as xeracións de actores que compoñen o elenco deste espectáculo. Nada máis lonxe. Se algo ten como identidade esta peza é que é un espectáculo vivo, cheo de vida e, curiosamente, co alento do futuro. É por iso que o vexo tanto unha homenaxe como un punto de partida. Onde comeza todo.

O director do CDG, Fran Núñez, salienta no dossier da peza a importancia do feito de que grazas á mesma poidamos atopar un espazo compartido para diferentes xeracións do teatro galego que, se cadra, ata o momento, non estaban moi comunicadas. Existe dende hai tempo, e máis aínda coa creación en Galicia da Escola Superior de Arte Dramática, a reivindicación de que as persoas pertencentes á “antiga escola” e as da “nova escola” atopen espazos de maior comunicación. Eu mesmo, como alumno da ESADg, teño botado en falta unha maior presenza no apoio á docencia deses profesionais que lle deron pulo ao teatro galego dende a caída da ditadura. Obradoiros, clases maxistrais, conferencias, espectáculos… Todo é pouco para dar a coñecer e poñer en valor a nosa historia teatral. Onde mellor que na propia escola de arte dramática galega?

Precisamente, Terceiro acto logra pór en comunicación estas dúas “escolas”, en parte grazas á dirección de Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez (formada na mesma ESADg, entre outros moitos lugares), os talentos detrás da compañía Teatro en Vilo, e que con esta produción amosan que non só é posible a comunicación entre as diferentes xeracións (da vida, pero tamén da profesión), senón que é posible a convivencia, a colaboración e creación dun proxecto común, que teña algo que dicir para cada unha das partes, e tamén algo dende o seu mesmo conxunto.

A mesma reacción do público ao remate da peza, comentando canto lles “tocou” o que enriba do escenario presenciaron, fala de que a mensaxe é común: ás diferentes xeracións de profesionais do teatro, ao público. Comentaba Noemi Rodríguez no coloquio posterior á representación do domingo que isto acontecía polo proceso de identificación do público co que acontece nas táboas. Eu non penso que sexa tanto pola identificación, como pola conmoción. Explícome: eu, persoalmente, non me sentín identificado coas cousas que se contan na peza. O que si me aconteceu foi que me conmovín, e esta conmoción, este movemento de emocións aquí no peito, ten que ver coa verdade que se mostra, o espido emocional do elenco e do equipo que está detrás de Terceiro acto.

Porque Terceiro acto é, fundamentalmente, un acto de amor. De amor ao teatro. E iso é o que pon en comunicación directa a tódalas xeracións que no teatro temos sido. Este amor ao teatro, neste caso, é posto en escena grazas á presenza dun elenco que reivindica o seu lugar no teatro ao mesmo tempo que na vida, nesta sociedade na que tanto temos que reflexionar sobre o que estamos a facer coa terceira idade, e que a mesma situación político-sanitaria está a reflectir dun xeito tan cruento.


Publicidade

Vivimos nunha sociedade que pretende esquecer. Poñendo en valor a eterna xuventude, a beleza baseada na aparencia, a enerxía física, o que se busca é esquecer o medo: medo a envellecer, a enfermar, a morrer. Vivimos nunha sociedade que procura esquecer unha parte fundamental da vida e que polo tanto non será capaz de vivir máis que a medias.

Por iso, esta peza en realidade, do que fala, é da vida. No escenario, un grupo de actores que nos dan toda unha lección de vida. Porque se levantan, porque ocupan, porque berran, porque se defenden, porque se agrupan, porque lembran. Terceiro acto fala da vida porque ten a morte moi presente, grazas á lembranza dos que xa non están, mais tamén pola conciencia de que, neste terceiro acto da nosa vida, aparece a única certeza posíbel: a morte.

Non foron poucas as voces que salientaron, tamén, o efecto terapéutico da peza que acababamos de ver. Concordo coa resposta de Roberto Leal: é certo que todo teatro é terapéutico. Mais, precisamente por dedicarme ao campo da psicoterapia e, en concreto, do teatro como ferramenta de saúde mental e emocional, teño que dicir que o teatro terapéutico é outra cousa, noutro contexto, con outra intención. Non creo que a intención de Terceiro acto sexa o de facer terapia ao seu público, aínda que isto acontece como un efecto colateral ao espido emocional que foi a súa xénese. Estamos ante unha peza catártica, que ten un profundo efecto revitalizador e, máis aínda, de autoestima. Algo do que andamos un tanto escasos neste tempo, nestes lares, nesta profesión. O terapéutico é que, como todo teatro, é un espello de nós mesmos e ese espello, é tratado con moito cariño.

Como antes mencionei, Terceiro acto é un acto de amor. Por iso o material do que está feita é a propia vida dos actores e actrices que a interpretan: as súas biografías, as súas memorias, as súas feridas e mesmo os seus clixés, convertendo as persoas en personaxes, cun dobre xogo que salienta o que o público xa sabe: estamos ante historia do teatro viva. Neste sentido, eu poría en valor tanto a dignidade como o coidado co que as directoras trataron o material co que estaban a xogar, como a finísima intelixencia teatral para levar logo ese material ao xogo escénico. E nisto, Andrea e Noemi confírmanse como mestras.

Feitos como utilizar o mesmo CDG como espazo dramático e dramatúrxico, ou a presenza de Marta Pazos na produción da peza, mesturar o real e o ficticio en todo momento ou as características únicas e persoais de cada un dos intérpretes, son signos claros deste instinto para a teatralidade, que nos regala imaxes inesquecíbeis xa, como ese Macbeth con aire a Fargo, ese bosque convertido en alucinación lisérxica, esas cantigas revolucionarias e a súa carga de memoria histórica…

Cada un dos membros do elenco ten o seu momento, ligado inseparablemente á súa persoa. Vemos a capacidade de liderado, mobilización e protesta de Mabel Rivera (que a min, persoalmente, me lembra moitísimo á mesma Noemi); o trauma superado de Fernando Morán, con esa forza tan masculina; a tenrura titiriteira de Eduardo R. Cunha, Tatán, lembrando ademais unha das grandes especialidades do teatro galego como é o teatro de monicreques; a exquisita esaxeración de Roberto Leal, rozando por tempos o esperpento (esa frase de “Eu son actor as 24 horas do día”!), mais temperados por intres de intimidade sobrecolledora; ou, por suposto, a reflexión que facemos a través de Belén Constenla sobre o paso do tempo e a sensualidade, cunha escena diante do espello de conmovedora verdade e un espido que vai moito máis aló do espectacular, converténdose nun intre de apoderamento.

Por iso, Terceiro acto é unha peza que tiña que se facer, e facerse agora, e facerse deste xeito.

Terceiro acto, Centro Dramático Galego

Texto: Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez (a partir de improvisacións co elenco)

Dirección e Dramaturxia: Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez

Elenco: Belén Constenla, Roberto Cunha, Tatán, Roberto Leal, Fernando Morán e Mabel Rivera.

Escenografía: Marta Pazos

Vestiario: Yaiza Pinillos

Iluminación: Miguel Ruz Velasco

Espazo Sonoro: Hugo Torres

Coreografía: Amaya Galeote

Asistencia de Dirección: Laura Míguez

Asistencia de Escenografía: Carmen Triñanes

Asistencia de Produción: Xandre Vázquez

Máscaras: Beatriz Nieto

Fotografías e vídeos: Miramemira

Deseño Gráfico: Trisquelia

Coordinación e corrección de textos: Rosa Moledo

 

Salón Teatro do Centro Dramático Galego, Santiago de Compostela. 18 de abril de 2021.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Mar en Danza

Preséntase o Ciclo ‘Mar en Danza’ na Coruña

Néboa

Taoísmo, Lynch e a néboa