Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, preséntase esta peza escénica de Fernando Abreu sobre a obra Intempériome da poeta de Sarria. A cita será ás 20.00h deste luns, 17 de maio, no Auditorio Municipal da cidade olívica con entrada libre ata completar aforo.
No ano 2003, a poeta Xela Arias preparaba as presentacións do que sería o seu derradeiro libro, Intempériome, xunto ao músico Fernando Abreu coa idea de mesturar as dúas artes dende un punto de vista contemporáneo, con espazo para improvisación libre e a palabra. Como parte do traballo previo e coa fin de analizar a emoción, o ritmo e o caracter dos recitados de Xela Arias, Fernando Abreu gravou os poemas na propia voz da poeta. Aquelas gravacións, que só tiñan a intención do estudo, acabáronse por se converter nun documento único coa inesperada morte da autora sarriá.
Este 2021, co gallo do nomeamento de Xela Arias como homenaxeada do Día das Letras Galegas, foi a ocasión idónea, segundo Abreu, para recuperar este proxecto nun espectáculo escénico que mestura palabra, música e imaxe. A concreción da proposta vén auspiciada pola colaboración do MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), onde a peza foi preestreada en abril do presente ano.
Hoxe, 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, preséntase Vencerse é cousa de se tratar no Auditorio Municipal de Vigo, cidade na que Xela Arias residiu ata o día do seu prematuro pasamento. A cita terá lugar ás 20.00 h. con entrada libre ata completar aforo. A apertura de portas do Auditorio vigués está programada para media hora antes do inicio do espectáculo.
O elenco de Vencerse é cousa de se tratar está formado por artistas de recoñecido prestixio no mundo da música e da escena galega contemporánea: Mónica de Nut pon voz aos poemas de Xela Arias, mesturándose cos recitados gravados da propia autora, e tamén interactúa cos músicos Fernando Abreu e Pablo Carrera, quen levan máis de vinte anos traballando xuntos tanto no seu proxecto DOUS, coma creando espazos sonoros para teatro e audiovisual. Roi Fernández (Sr. Pause) encárgase do cinema en vivo.
Vencerse é cousa de se tratar
A obra materialízase nun acto quebrantador que traslada ao espectador ao núcleo da emoción irracional, onde ten cabida un diálogo interno no que a propia autora, por voz propia e a través da intervención dos diferentes elementos escénicos, acompáñanos a percorrer as temáticas máis recorrentes na súa obra.
Na súa preestrea, crítica e público salientaron a intensidade dunha peza transgresora que atrapa a audiencia desde o primeiro intre, creando unha atmósfera intensa e vibrante de resolución progresiva e xerando unha catarse entre as varias disciplinas intervintes que se resolve nunha proposta xenuína que respecta a visión da poeta sobre a confluencia das manifestacións artísticas.