in ,

Á Feira Edicións publica catro obras en Dramaturxia Galega Actual vol. II

Dramaturxia Galega Actual

O proxecto editorial está impulsado pola compañía viguesa Feira do Leste que tamén organiza o Certame de Nova Dramaturxia. As obras de Laura Porto, César No, Ana Abad e Fernando Castro Paredes destacan polas súas linguaxes innovadoras. O libro forma parte da colección de Dramaturxia Galega Actual que xa editou obras de autores como Ernesto Is, Esther Carrodeguas, Inherente Teatro ou Miguel Sande.

A compañía viguesa Feira do Leste vén de publicar no seu selo editorial, Á Feira Edicións, o libro Dramaturxia Galega Actual vol. II. A publicación contén catro obras de novos autores: O senso da floración de Laura Porto, Camiños de Luz de César No, Ofelia ou o cabeiro da cóbrega de Fernando Castro Paredes e Romper o xeo, bailar a nada de Ana Abad de Larriva.

Esta edición supón unha aposta pola dramaturxia de novos autores e autoras que atopan dificultades para publicar as súas pezas teatrais. Trátase do segundo volume da colección de Dramaturxia Galega Actual que xa publicou no 2018 obras de autores como Ernesto Is, Esther Carrodeguas, Inherente Teatro ou Miguel Sande.

O dramaturgo Ernesto Is prologa esta edición, coordinada por Javier Lojo, e sinala que“unha lingua coma o galego e un xénero literario coma o dramático, superviventes ambos por natureza, precisan do maior coidado e difusión que lles podamos dar” algo ao que este proxecto contribúe.

O libro pódese adquirir na páxina web da editorial www.afeiraedicions.feiradoleste.com ou nas librarías a un prezo de 14,00 euros.


Publicidade

SOBRE AS OBRAS

A dramaturga Laura Porto asume na súa peza, O senso da floración, os códigos estilísticos do realismo máxico para crear o universo imaxinario de Riofrío, unha sorte de Macondo galego que é todas as aldeas do mundo á vez.

Fernando Castro Paredes dálle a volta á fábula de Hamlet en Ofelia ou o cabeiro da cóbrega e presenta a esta como a protagonista absoluta da peza. Unha Ofelia máis próxima á realidade destes tempos. A muller, aquí, é unha estudosa das artes ocultas, a súa vida está chea de contradicións e motivacións, dubida do seu casamento concertado co príncipe herdeiro, e o seu motor de acción é a restitución do honor da súa familia.

Camiños de luz, texto de radioteatro de César No, conta a fuxida cara adiante dun migrante (que é todos) mediante o fío narrativo dunha entrevista que unha xornalista lle fai na “Terra Prometida” á que chegou. Nese agón xerado a partir das preguntas incisivas da muller e as respostas cheas de lembranza e dor do home, intercálanse momentos de éxitos deportivos de emigrantes nacionalizados e que enchen de orgullo á nación que os acolleu. A mensaxe coa que o autor impregna o seu texto é clara e mídenos como comunidade: non vemos a todos os estranxeiros igual.

Romper o xeo, bailar a nada é a obra de Ana Abad de Larriva e está subtitulada como Unha peza performativa sobre a estupidez humana, esta proposta rexeita as estruturas aristotélicas do drama para desenvolver unha dramaturxia fragmentaria composta de accións (verbais e físicas), sons, imaxes e silencios na que o importante non é a historia que se conta, senón a exposición de ideas arredor dun tema concreto a través de estímulos plásticos e sonoros xerados con determinados elementos da escrita e da composición teatral: espazo, tempo, corpo, palabra e obxectos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Festival de Almada

Confirmadas as primeiras actuacións do 38º Festival de Almada

Premios María Casares

Os Premios María Casares 2021 contan con 38 espectáculos e máis de 300 profesionais inscritos