in ,

O CDG e a Companhia de Teatro de Braga estrearán ‘A contenda do río Miño’ en Almagro

CDG Entremés
Imaxe da AGADIC

A posta en escena da primeira peza teatral conservada en lingua galega enmárcase no 350º aniversario do texto, escrito por Gabriel Feixoo de Araúxo en 1671.  

A cidade de Lisboa acolleu onte a presentación do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro 2021, do que Portugal é o país convidado. No marco da programación desta edición, o Centro Dramático Galego (CDG) estreará, o vindeiro 2 de xullo, A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, coproducida coa Companhia de Teatro de Braga (CTB).

A contenda do río Miño baséase na escrita de Gabriel Feixoo de Araúxo en 1671, que representa a primeira peza teatral en lingua galega conservada. A súa posta en escena enmárcase na conmemoración do 350º aniversario do entremés, así como nas designacións de Portugal como país convidado do festival de Almagro e de Braga como Capital Cultural do Eixo Atlántico. Tras a estrea en Almagro, está previsto desenvolver funcións en Cangas, dentro da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCFC), e en Braga, no Festival Mimarte.

A través desta coprodución, o Centro Dramático Galego e a Companhia de Teatro de Braga afondan na temática das fronteiras a partir da que marca o río Miño entre Galicia e Portugal, unha das máis antigas de Europa e que representa máis un punto de encontro que de separación. O espectáculo desenvólvese nas tres linguas presentes na copia da peza teatral conservada, escrita en lingua galega, con fragmentos en portugués e anotacións en castelán.

Reforzo da identidade común

Dirixida por Fran Núñez, director do CDG, co apoio dramatúrxico do director da Companhia de Teatro de Braga, Rui Madeira, a obra lévase á escena da man dos equipos técnicos das unidades de produción galega e portuguesa nesta unión de esforzos a prol dun proxecto que busca reforzar a identidade común.


Publicidade

O elenco está formado principalmente por intérpretes da Companhia de Teatro de Braga: Yeliz Balim, Rogério Boane, Sílvia Brito, Carlos Feio, Eduarda Filipa, António Jorge, Grasiela Müller, Aisa Pérez e Solange Sá, xunto ao propio Fran Núñez.

A peza fala dun tempo e un lugar concreto, pero a súa esencia é universal e percorre a historia, as fronteiras, a loita polos recursos e de clases. Hai disputa polo dereito a pescar, peixes que non entenden de fronteiras e quen intenta levar o que non lle corresponde. Hai mortos, choros, festa, baile e irmandade. Hai fronteiras ou non?

A contenda do río Miño forma parte da programación do Centro Dramático Galego para esta temporada, no que a unidade de produción teatral da Xunta presentou outros tres espectáculos: O charco de Ulises Terceiro acto, xa estreados, e Serva me, servabo te, que o fará en setembro. A eles súmanse sete coproducións e outras iniciativas a prol da dinamización do sector teatral galego, como o programa de Residencias Cruzadas ou a Bolsa de Dramaturxia e Creación.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Plataforma

Comeza en Compostela o Festival Plataforma de artes performativas

Circanelo

Circanelo