in

Nace ABAR, compañía compostelá de artes ao vivo

ABAR
Foto de Alejo Romero

Liderada por Helena Salgueiro, Ana Díez asume a produción e a distribución dos espectáculos desta nova compañía. A súa primeira montaxe en distribución é Ferro, Federici e xa preparan o seu seguinte proxecto.

ABAR-Artes Vivas nace en Compostela. Unha nova compañía de escénicas que agroma con vontade de movemento en plena pandemia. As dúas mulleres que a compoñen defínena como un corpo de creación e investigación de artes performativas e pretenden crear a través dela un espazo de difusión cultural e intervención social.

O equipo

Helena Salgueiro arranca como directora artística en ABAR. Creadora escénica, performer e escritora galega, o seu traballo performativo tense amosado en teatros, museos, festivais e espazos de Galiza, Portugal, Escocia, Inglaterra, Suecia e Arabia Saudí. Fórmase en teatro, danza e dramaturxia en Escocia, Francia, Polonia e Dinamarca. Publica dous poemarios e ten participado en cinco antoloxías de poesía contemporánea ademáis de facer diversas colaboracións en curtametraxes, vídeo-performance e vídeo-danza no ámbito galego e británico. É a directora artística da compañía de artes vivas ABAR.

Ana Díez asume a dirección de produción e a distribución de espectáculos desta nova compañía. Politóloga, comunicadora e xestora cultural, ten traballado en entidades como a Academia Galega do Audiovisual, AGADIC, Uqui.net, Culturgal, En Negro Contra As Violencias, Mercartes… Actualmente é responsable de comunicación en Escena Galega, leva contidos web en Camino Escena Norte e colabora con Cidadanía Sociedade Cooperativa Galega.

A compañía

A través de ABAR queren establecerse como un corpo de investigación e creación das artes escénicas e performativas. No canto de centrarse só na produción de contido, apostan pola apertura de procesos, a investigación, a dinamización e a procura constante das condicións materiais propicias para que os traballos da compañía conten coa profesionalidade, o tempo e o coidado precisos para agromar.


Publicidade

ABAR amosa unha clara intención de achegar as artes ao vivo á sociedade dun xeito horizontal e transfronteirizo, mediante propostas de mediación e cooperación coa cidadanía e cos públicos, sen importar o estrato socio-económico, o capital cultural, as capacidades físicas e psicolóxicas, o sexo, a etnia ou a procedencia. Quere esta nova compañía iniciar un proceso de apertura social, considerando que un exercicio de achegamento das artes á cidadanía é inservible se non se facilita unha comprensión das linguaxes empregadas e se non se tenta abrilas máis alá da esfera dentro da cal se adoita mover o contido cultural do país.

Propostas

ABAR asume a distribución de Ferro, Federici, poema escénico de danza-teatro baseado nas ideas da feminista Silvia Federici. Estreado na pasada USCénica, é unha peza que reflexiona sobre o corpo da Muller como máquina de traballo no Capitalismo e como a busca da súa descolonización se ten sinalado durante centurias coma maxia negra.

Ademáis, a compañía xa traballa na produción da súa nova peza, que será unha adaptación dalgunhas das dramatículas de Samuel Beckett.

Estrean esta semana os seus perfís en redes sociais (@abar-artesvivas) e a súa páxina web, www.abar.gal.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ártika

Comeza o I Ciclo de Danza e Artes do Movemento na Sala Ártika

MOCAP Matías Daporta

MOCAP