in

MOCAP

MOCAP Matías Daporta
Imaxe de Álvaro Chior

Do corpóreo e do virtual, entre o MOCAP e a danza

Por se a dependencia da tecnoloxía fose pouca, veu a pandemia e os seus illamentos para redobrar e acelerar esa necesidade. A arte sempre existiu, desde que existe ser humano, e tecnoloxía tamén. A roda, por exemplo, foi un avance tecnolóxico, o teletraballo, traballo online, por videoconferencia, tamén.

A tecnoloxía sempre foi unha aliada das artes escénicas e non unha inimiga, como Robert Lepage nos recordaba, de xeito maxistral, na Mensaxe do Día Internacional do Teatro de 2008:

“Existen varias hipóteses sobre as orixes do teatro, pero a máis estimulante ten a forma dunha fábula: Unha noite, en tempo inmemorial, un grupo reuniuse nunha caverna para quentarse ao redor do lume e contar historias. Cando, repentinamente, un deles tivo a idea de levantarse e de utilizar a súa sombra para ilustrar o relato. Ao axudarse coa luz das lapas, fixo patentes sobre as paredes da cova uns personaxes de maior tamaño ca os naturais. O resto do grupo, marabillado, recoñeceu nas sombras ao poderoso e ao feble, ao opresor e ao oprimido, ao deus e ao mortal. Hoxe en día, a luz dos proxectores substitúe a fogueira inicial e a maquinaria de escena as paredes da caverna. E con todo o respecto aos puristas, esta fábula recórdanos que a tecnoloxía é incluso a causa do teatro e que non debe percibirse como unha ameaza, senón máis ben como un elemento enriquecedor.

A supervivencia da arte teatral depende da súa capacidade para reinventarse, integrando novas ferramentas e novas linguaxes. Se non, como o teatro podería seguir sendo a testemuña de todas as grandezas e do que está en xogo no seu tempo e, ao mesmo tempo, promover o acordo entre os pobos, se el mesmo non demostrase apertura? […]”

Non só o teatro, tamén a danza, que pode parecer máis pegada á presenza física dos corpos e ás súas capacidades motrices, dialoga e integra a tecnoloxía nas súas dramaturxias.

Recentemente, no Primavera en Danza de Carballo, o coreógrafo Matías Daporta, xunto a María Dueñas, estrearon, o 22 de abril de 2021, MOCAP, unha peza que xira en torno á suplantación virtual da figura da bailarina. Eu puiden vela no Auditorio Municipal de Cambados, o 1 de maio.

O cambadés Matías Daporta xa levaba anos traballando nos formatos tecnolóxicos. Non de balde é o director artístico do festival Me Gustas Pixelad_ de La Casa Encendida de Madrid. Un espazo para propostas nas que artes do movemento, videoxogos e outras manifestacións e produtos tecnolóxicos se cruzan.

O título MOCAP é a abreviatura de Motion Capture, a captura do movemento. Unha técnica de gravación de movemento, para trasladalo a un modelo dixital. Utilízase moito na industria do cine de ciencia ficción e fantasía e tamén nos videoxogos. Se cadra, o acto de coreografar, de escribir o movemento para logo poder volver repetilo, tamén ten algo de MOCAP.

Non obstante, na peza de Matías Daporta e María Dueñas, a coreografía viaxa a través dunha sucesión de posicións e imaxes case pictóricas, que nos sitúan nunha recepción contemplativa. A isto contribúe non só o tempus, nomeadamente repousado, co que Ángela Millano e Matías transportan e manipulan a pantalla coa que bailan, senón tamén a iluminación que artellou Alberte Bello, nuns tons suaves, case azulados, como se estivésemos nunha pinacoteca, contribuíndo a esa concentración. Tamén a música electrónica, de Álvaro Chior, que xera unha especie de bucle sonoro inmersivo.


Publicidade

Certamente, a propia pantalla, na que se move a bailarina virtual, María Dueñas, emite luz e a luz do escenario non pode ser intensa, porque anularía a boa visión desa personaxe incorpórea que danza na pantalla. Así pois, todo se harmoniza para que desfrutemos dos efectos ópticos xerados polas composicións visuais nas que os corpos de presenza corpórea se imbrican e complementan co corpo virtual. Fascinante esa dobre articulación entre o dúo corpóreo real, Ángela e Matías, e a bailarina virtual, María.

A danza co obxecto, unha pantalla que pesa 20 quilos, implica, á súa vez, unha acomodación do movemento e a intersección entre a xestualidade laboral, do seu transporte e manipulación, coa chegada a posicións pictóricas estilizadas.

Ao rematar o espectáculo, comenteille a Matías que desfrutara moito da recepción contemplativa que suscitaba a peza, que tivera a sensación, por veces, de estar nun museo no que as obras plásticas ían mudando, aparecendo e desaparecendo, case sen darse un conta. Entón el sorriu e dixo que unha das accións desta proposta consistira nunha selección de imaxes da historia da arte nas que se representaba a figura da bailarina.

Dancer at The Palais (1928) de Alice Bailly, Les Odalisques (1903) de Jacqueline Marval, Dancer Tilting (1883) de Edgar Degas ou a Acróbata (1982) de Maruja Mallo. E mesmo composicións xestuais e de movemento tan elocuentes como Wheat (1891) de César Pattein, O albanel ferido (1786-1787) de Francisco de Goya, Mercurio e Argos (1659) de Velázquez ou Hipómenes e Atalanta (1618-1619) de Guido Reni, entre outras.

Capturas de movemento realizadas por artistas da pintura ao longo de diferentes épocas. Algunhas delas, dalgún xeito, poderían constituír unha especie de xenealoxía visual da danza, ou do noso imaxinario respecto a ela. O corpo que baila desaparece e fica a imaxe da danza.

Destacar o delicioso final, cando a bailarina, María Dueñas, insatisfeita, acaba por saír da pantalla-lenzo e por renunciar a calquera espello, para afirmarse, como nun renacemento, na propia danza.

Fermosísimo e alucinante o efecto da action painting, cando vai pintando todo o seu corpo da cor do croma azul e cada parte que pinta desaparece da pantalla. Un contraste ben poderoso: poder ver como a pintura saca á bailarina do lenzo e da imaxe para ser ela, para ser corpo ou, mellor aínda, para estar ela, para estar no corpo e non no lenzo, na foto, na pantalla.

Deste modo, ao final, até a pintura e a acción de pintar se volven físicas e reais, antes evocadas polas (com)posicións pictóricas. Aquí a luz tamén se vai facendo máis solar e intensa, como a vida, e María Dueñas pasa de estar capturada a cativarnos a nós. Unha presenza danzante que fulmina, polo seu magnetismo e calidade de movemento, calquera figuración virtual. Deste xeito, MOCAP acaba por ser un triunfo da presenza e do corpo en si mesmos.

MOCAP, Matías Daporta e María Dueñas

Dirección: Matías Daporta e María Dueñas
Coreografía e performance: Matías Daporta, María Dueñas e Ángela Millano
Dramaturga: Paula Noya de Blas
Vídeo en pantalla: Álvaro Chior
Banda sonora: Álvaro Chior
Iluminación: Alberte Bello

Auditorio Municipal de Cambados. 1 de maio de 2021.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ABAR

Nace ABAR, compañía compostelá de artes ao vivo

Complexos

Vivimos momentos moi complexos