in

Vivimos momentos moi complexos

Complexos

“Vivimos momentos moi complexos”, dixo alguén unha vez, e dende entón iso foi sempre así.

Non existe un período da historia do ser humano que non fora complexo, perigoso, inxusto ou violento. Estes adxectivos están presentes todo o tempo, en todos os lugares. Soamente varía a forma na que se manifestan. Son moitas as realidades que comparten tempo pero non lugar. Non se pode, nin se deben comparar, todas as inxustizas son igual de inxustas.

O teatro, ó igual que todas as expresións artísticas, ten ese aquel de reflectir, transformar e rexistrar o que pasa ó seu redor. Sempre houbo alguén ao pé do inxusto disposto a que non se esqueza. Sempre pasou, aínda que non todo o mundo participa neste labor sociopolítico.

Publicidade

“Debemos recordar”, dicía José Sacristán nesa marabillosa e teatreira película de Fernando Fernán Gómez. Eu creo niso, no teatro que recorda coma unha gravadora desas antigas e salvar a esencia do que se poida.

Podo entender a quen non ve o teatro así, hai moitas formas de vivir neste mundo e cada un xestiónase coma boamente pode. O que non podo entender, nin perdoar, é ó falso posicionamento ante o inxusto.

As táboas son moi sinceras, así que non podes mentir nelas. Todo o que se pon en escena canta como un paxariño en primavera. Entón, a túa valentía tamén queda exposta. Hai cousas que requiren de valor para polas nos escenarios, porque como dicía, vivimos momentos moi complexos.

Non podemos negar a censura, que foi atopando, cada vez, maneiras máis elegantes de aparecer. Xa non é un señor gris cunhas tesoiras ou un cura cunha campá na man. Podemos falar de censura institucionalizada? Si, sen dúbida. Pero tamén de auto-censura, ese é o problema!

Hai cousas que sabes que son un problema. Sábelo porque o notas. Hai palabras que levan ó seu lado un candil vermello. Hai temas que pasan exame e, se non aproban, córtanse.

Hai espectáculos que parece que se atreven pero non. Aparentan valentes e sacan unha bandeira de Palestina cando o público aplaude. Pero logo frivolizan insultantemente cando se trata de poñerlle un espello a certas persoas, institución ou casas nobres. – Neste parágrafo hai auto-censura.

Podes berrar moito nun escenario cun micrófono pegado á boca. E facer que fas e dicir cousas. Pero hai figuras que son intocables e relacións causa-efecto que son inmencionables. Non sei se esta palabra existe, pero debería. Os inmencionables. Atreverse cos inmencionables!

Confeso que eu son bastante covarde. Teño fantasías con que un día hai un golpe de estado e vou ao cárcere por bolxevique, pero na realidade son menos perigoso ca unha mosca mareada.

Así que por favor, atrevédevos. Eu farei o que poida, desde o marxes, as palabras e un profundo sentimento de querer ser algo máis ca unha mosca despistada.

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Dende o ano 2019 presenta o podcast Procastination e é un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MOCAP Matías Daporta

MOCAP

Solos

Solos