in

Solos

Solos
Imaxe de Juan Carlos Toledo

Intidanzando

Comeza o I Ciclo de Danza e Artes do Movemento na Sala Ártika de Vigo que, co apoio da AGADIC, leva adiante esta proposta coa intención de dar un novo espazo para as artes da danza e do movemento na cidade.

Dentro deste ciclo, que se desenvolverá no mes de xuño, poderemos asistir ás pezas Microspectivas dun marica millennial de Incendiaria (nos días 11, 12 e 13) e Teorema de Javier Martín (18, 19 e 20). Pero, para abrir boca, foron os Solos da compañía Provisional Danza os que danzaron no chan ártiko a pasada fin de semana.

Provisional Danza é xa unha compañía coñecida na nosa comunidade. Dirixida pola bailarina e coreógrafa madrileña Carmen Werner, as súas producións veñen aparecendo de xeito recorrente nas salas Ártika e Ensalle de Vigo, onde puidemos ver pezas como El abrazo, Quién eres, Una vez más ou De parte de ella. O selo persoal de Werner como coreógrafa marca unha liña que comunica as diferentes pezas mencionadas. Neste caso, nos Solos propostos por Provisional podemos respirar un aire semellante, mais non tan específico como nas pezas creadas por ela. Respiramos, si, un aire semellante a soidade urbana, envolta en cemento gris, mais matizada polas diferentes miradas dxs tres bailarín/xs que aparecen en escena, xa que cada un/hx delxs é x coreógrafx da súa propia peza.

Publicidade

Así, temos unha sucesión de solos: pezas en solitario e que, dalgún xeito, falan tamén da soidade, como Tiempo de fuga, a primeira das tres pezas, na que a bailarina Tatiana Chorot executa unha coreografía íntima, onde a podemos imaxinar danzando na soidade da súa casa, con intres de dor e melancolía, lanzando miradas ao patio de butacas que, mais que dirixidas ao público, ben puideran ser as dunha muller mirando pola ventá nun cadro de Edward Hopper.

En 101 volando, Cristian López Sánchez é un home encirrado na súa propia gaiola para paxaros. Se cadra a metáfora sexa evidente, e cando o vemos entrar na sala con ela nas mans, poidamos intuír a integración que da gaiola vai facer durante a súa danza, mais non por iso a coreografía é menos sentida (se cadra, a que máis directamente fala da soidade das tres), pasando de home a paxaro e de paxaro a preso. Neste xogo coa falta de liberdade interior, todxs podemos atopar unha que outra gaiola nas nosas vidas.

No terceiro solo, Esta vida, Sebastián Calvo xoga unha soidade diferente, na que importa de súpeto a ausencia (a soidade do que está sen compañía), significada pola intensidade do xesto cara ao público co que o bailarín parece facer unha demanda nunca satisfeita. Unha peza na que o coreógrafo afonda no seu traballo cos vasos de plástico (como no seu anterior solo, En otra ocasión), nun momento que nos leva directamente ao intre no que quedas so na túa casa, logo de pechar a porta a todxs xs convidadxs que acaban de marchar, e xusto antes de recoller os restos da festa.

Se ben as tres pezas teñen puntos en común, como o reiterado uso do chan, os movementos xeométricos, a mestura de músicas electrónicas e clásicas ou a interpelación ao público, é o seu diferente concepto sobre a soidade, o solo, o que as fai únicas e interconectadas ao mesmo tempo. Persoalmente, teño a impresión de ter asistido a tres actos de intimidade danzada, a tres escenas da vida pasada polo filtro da reflexión. Como se tivese o privilexio de asomarme por un intre ás vidas destxs tres artistas e xs puidese observar sen ser eu visto.

O I Ciclo de Danza e Artes do Movemento desenvolverase durante as tres primeiras fins de semana do mes de xuño na Sala Ártika, onde tamén haberá un obradoiro de vídeodanza e creación escénica contemporánea, A creación do anticorpo, impartido por Vanesa Sotelo, Davide González e Lucía Estévez, da compañía Incendiaria, os días 8, 9 e 10 de xuño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

Solos, Carmen Werner e Provisional Danza

Tiempo de fuga
Coreografía e interpretación: Tatiana Chorot

101 volando
Coreografía e interpretación: Cristian López Sánchez

Esta vida
Coreografía e interpretación: Sebastián Calvo

I Ciclo de Danza e Artes do Movemento da Sala Ártika de Vigo. 6 de xuño de 2021.

 

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Complexos

Vivimos momentos moi complexos

PLATTA

Celanova acolle unha nova edición do Festival Transfronteirizo de Teatro Amador (PLATTA)