in

Edgar Costas: “As novas xeracións teñen un espírito crítico moi agudizado”

Edgar Costas Sanmartin |

Vén de facerse pública, no acto de entrega celebrado esta tarde no Porriño, a resolución da cuarta edición do Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais, convocado polo Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, e o texto gañador é Casa de feras, cuxo autor resultou ser Edgar Costas Sanmartín.

O xurado desta edición estivo composto por Inma López Silva, Delio García Represas, Raquel Castro (como secretaria con voz pero sen voto) e mais eu, e da peza destacamos, tal e como se recolleu na acta da resolución, a orixinalidade do tratamento dramatúrxico do xénero da fábula, as posibilidades escénicas que presenta ao ser un texto con moitos personaxes que permiten o seu traballo con grupos amplos de alumnado e os distintos temas abordados, que van dende o maltrato animal, ás relacións de poder e a liberdade. Ademais, resaltouse o uso do humor cargado de ironía co que se abordan os conflitos que xorden. O texto está baseado nunha historia real, a protagonizada polos animais que entre 1774 e 1972 habitaron, no parque de El Retiro de Madrid, “un zoolóxico de aceiro e formigón”.


Publicidade

Edgar Costas é un  actor vigués de teatro e televisión que comezou a súa carreira profesional na Escola Municipal de Teatro de Vigo e en diferentes compañías  de teatro como Aforo Teatro. En 2012 trasladouse a Madrid, onde  participou en numerosos  proxectos teatrais e audiovisuais,  entre os cales destaca a súa participación en series de  televisión como Apaches e Acacias  38, entre outras, e as películas  Diecisiete e 18 comidas. Dende hai uns años, combina o seu labor actoral coas súas facetas de autor e director en pezas teatrais como Elogio de la locura, Mantequilla ou Mirar abaixo.

Falo con Edgar sobre Casa de feras e como recibiu o premio, e tamén arredor doutros proxectos que ten agora en marcha.
 
 Como recibiches a resolución do premio?
Foi unha explosión de felicidade. Estaba só na casa e foi colgar o teléfono e pórme a dar voltas pola casa cantando e sen saber que facer para deixar saír todo aquilo que se estaba producindo no meu interior. Somos xeracións de rapaces as que crecemos coa Editorial Galaxia nos nosos estantes de lectura (aínda conservo o volume d’A esmorga que me puxeron como tarefa no colexio e téñoo como referente de categoría literaria á que aspirar) e ter a posibilidade de publicar cunha editorial con tanto significado histórico na cultura galega é un auténtico soño.

Que te levou a escribir unha peza baseada na historia da Casa de feras do parque de El Retiro en Madrid? Como coñeciches a súa historia e que te impulsou a desenvolver este texto?
Pasear polas antigas instalacións que aínda se conservan da Casa de feras é unha experiencia inspiradora en si mesma. Un recuncho da historia cargado de drama. Basta ver as antigas oseiras, tan fermosas no exterior como diminutas no seu interior para xerar unha idea das condicións nas que tiveron que vivir aqueles animais. Ao final un só ten que achegarse ao foso dos monos para que a idea dunha escenografía teatral comece a fraguarse na mente. Documentarme sobre as historias que se sucederon ao longo da súa historia só rematou de pechar o círculo.

Como abordaches a súa escrita?
Tiña claro que non quería escribir unha peza documental, non me interesaba tanto falar dos feitos acontecidos alí como usalos para reflexionar sobre os límites morais disto que damos en chamar «humanidade». Para iso, Pizarro e Paco descubríronse coma dous antagonistas naturais deses límites. Durante un tempo tiven a tentación de deixar o reparto soamente en eles dous. Viña de escribir un par de pezas de pequeno formato sempre pensando na posta en escena (o famoso “que sexa rendible”: poucas personaxes, escenografía sinxela e fácil de transportar e temas dixeribles, a poder ser cómicos) e a presión que me inflixía eu mesmo era enorme, pero quería soltarme e deixarme levar. Ao final quedoume un relato coral que non pasaría o filtro do que eu podería montar agora mesmo, pero que gocei enormemente escribindo. E ao final mira, menos mal que non cedín á tentación, porque un nunca sabe por onde lle van vir as alegrías.

A partir do tema do maltrato animal, son moitos outros os temas que se debullan e que están presentes en Casa de feras: a violencia, os xogos de poder e a propia relación co poder…, que a través da fábula podemos transportar a moitos aspectos da propia relación do ser humano cos seus semellantes. Como foi o proceso de artellar todo isto na dramaturxia?
Ao final sempre é cuestión das personaxes. Cada unha ten a súa historia e, dalgún modo, un tema que achegar, pero ao final todo serve a esa reflexión sobre os límites morais que os humanos nos poñemos como sociedade. É importante dicir que os acontecementos reais están modificados, dramatizados e adaptados en pro de servir á historia que quería contar, claro. Como digo, non quería documentar ou xulgar todo o sucedido alí, senón usalo como pano de fondo para o tema do que quería falar. Hai moitas máis historias que achegarían máis temas e máis reflexión, pero non atoparon o seu lugar neste caso.

Como cres que se podería abordar toda esa complexidade temática á hora de traballar o texto cun grupo de rapaces e rapazas?
As novas xeracións teñen un espírito crítico moi agudizado. Nunca antes tiveron acceso a tanta información e iso estanos sensibilizando moito con temas coma o maltrato animal, a loita pola propia identidade e as inxustizas sociais.  Eu abordaríao a través de cada personaxe particular. “Paseniño, paseniño”, que dicía Rosalía, para entender o global dende o particular.

Como visualizarías unha posible montaxe da peza?
Teño a fantasía de facelo no propio foso dos monos no parque de El Retiro de Madrid (fantasías, fantasías…) , pero mentres tanto eu visualízoa unha montaxe circular, co público rodeando a escena, e con caracterizacións soamente apuntadas de cada un dos animais. Quizais unha gaiola xigante sería pedir moito, non sei, de soños e fantasías tamén se alimenta a alma, non?

Este ano gañaches tamén o accésit do concurso de guións para radioteatro organizado por Corifeo Teatro co teu texto Covers; podes falarnos un pouquiño del?
Covers é unha comedia de pequeno formato que fala das relacións, de como xestionamos as pequenas frustracións da convivencia, de todo iso que calamos e, sobre todo, de como artellamos toda unha xerarquía de prioridades na nosa vida que ás veces nos leva a situacións tan inverosímiles coma a que viven Abril e Xulio, os protagonistas. Gustaríame contar máis, pero xa entraría no campo do spoiler.

Que proxectos estás a desenvolver actualmente como actor, director e dramaturgo?
Coma actor estou agardando a estrea da segunda tempada de Sky rojo, onde teño un pequeno papel, e de Señor, dame paciencia, onde teño tamén un papel capitular. Estamos coa preprodución do meu último texto, Negocio de confianza, unha obra de medio formato para dúas personaxes, na que vou actuar xunto a Daniel Rimón e, namentres, nuns días estreamos La vida ideal, texto de Manuel Galea que dirixo para un evento con motivo da semana do Orgullo de Madrid. Sempre en movemento, con xornadas de gravación, escribindo textos novos, argallando a produción doutros… O importante, coma sempre, é non deixar de moverse.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Premios María Casares

Os XXV Premios de Teatro María Casares xa teñen cartel

Colectivo Glovo

Presentado o programa de ‘Propulsa Danza’