in ,

‘El viento es salvaje’, Premio do Público da 38º MITCF de Cangas

El viento es salvaje
Imaxe de Prolight Foto Estudio

A compañía andaluza Las Niñas de Cádiz acada o galardón das espectadoras e espectadores da 38ª edición da MITCFC cunha versión libre das personaxes de Medea e Fedra. 

A obra de teatro El viento es salvaje, da compañía andaluza Las Niñas de Cádiz, gaña o Premio do Público da 38 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). A obra, unha das estreas en Galicia que se puideron ver na vila do Morrazo ao longo dos últimos dez días que durou o festival, conseguiu unha puntuación de 4,73 puntos sobre cinco nas votacións telmáticas que os espectadores fixeron ao remate das obras que se levaron a cabo no Auditorio de Cangas. En segunda posición, con 4,26 puntos, quedou outra das estreas en Galicia, a obra Ritos de amor y guerra, da compañía catalá Comando Señoras. O terceiro posto, con 4,08 puntos, foi para La señorita doña Margarita, de Petra Martínez e Juan Margallo, espectáculo que tamén foi unha das estreas en Galicia desta xa rematada MITCFC.

El viento es salvaje conta a historia de dúas rapazas, Vero e Mariola, tan amigas que semellan irmás. Unidas desde a infancia por un amor e unha fidelidade inquebrantable. A obra é unha recreación libérrima de dous dos personaxes femininos máis apaixonantes da historia da cultura universal: Fedra e Medea. Unha traxedia, en verso, con todos os elementos clásicos do xénero, pero atravesada pola gargallada.


Publicidade

Las Niñas de Cádiz é unha compañía de teatro que traballa desde as raíces, fusionando elementos da cultura popular e o folclore con outros da denominada tradición culta. E sempre desde o humor. Alejandra López, Teresa Quintero, Rocío Segovia e Ana López Segovia son as actrices que dan vida á obra escrita e dirixida por Ana López Segovia.

O espectáculo xa recibiu do Premio Max ao Mellor Espectáculo Revelación en 2020 e o Premio do Público do Certame Nacional de Teatro Garnacha da Rioxa.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Espécies Lázaro

Espécies Lázaro

Dramaturxia de verán

Fantasía para unha dramaturxia de verán