Crítica, Crítica teatro

Espécies Lázaro

Imaxe de Nuno Ribeiro

O teatro líquido

Tivemos o gusto de asistir á estrea en Galiza (punto de saída para o resto do Estado) da nova produción do Teatro Art’Imagem, Espécies Lázaro, que aconteceu durante a XXXVIII Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), unha vez feita a première na Quinta da Caverneira de Maia, o pasado 15 de xuño.

Atendendo ao seu ambiente marítimo, a peza navega entre as augas da historia como navega entre os dous países que colaboran na súa produción, xa que para esta ocasión o Teatro Art’Imagem contou coa participación da compañía galega Incendiaria, establecendo así unha nova comunicación entre Portugal e Galiza.

A directora e dramaturga Vanesa Sotelo escribe e dirixe unha peza que comunica moitos outros aspectos alén de países. Nas Espécies Lázaro viaxan idiomas, espazos temporais, formas de facer teatro. É por iso que, para min esta peza podería ben ser definida como un “teatro líquido” precisamente pola fluidez coa que se transmiten tódolos diferentes aspectos que compoñen a súa partitura.

Do mesmo xeito, a materia líquida é parte fundamental para o desenvolvemento da trama: a auga rodéanos dende o comezo da peza, inmersos como estamos tanto no interior do oceanográfico Isabel Barretto (ou Barreto) como do galeote San Jerónimo, pero tamén porque a través da auga transmítese a bacteria que ten infectada á tripulación do oceanográfico, ou porque é a falta de auga a que está a levar ao límite a expedición do galeote.

Os barcos navegan polo infinito das augas seguindo o seu rumbo, mais que acontece cando perden o seu rumbo? Que acontece cando de súpeto non sabemos xa cara a onde imos? Estala a tensión, aparece o conflito. Os seres humanos poñemos nas nosas direccións unha parte da responsabilidade na nosa confianza. Cando perdemos esa dirección, ese camiño trazado, de súpeto perdemos seguridade, a confianza no misterio da vida. Mais o mar ten os seus propios camiños, como sinala a escrava da mesma Isabel Barretto, mirando para as estrelas que, se cadra, aínda nos guían mellor caos mapas.

Aparece aquí outra comunicación líquida, a dos espazos históricos. Isabel Barreto de Castro é considerada a primeira muller almirante da historia. Pontevedresa de nacemento, foi a esposa de Álvaro de Mendaña, descubridor das illas Salomón e das Marquesas e que morreu durante unha das súas expedicións, vítima da malaria. É nese momento cando a súa muller asume o mando do barco para tentar levalo ao porto de Manila. Comunicados polo mesmo nome, personaxe e barco, aparecen na peza traendo o pasado ao presente, amosando dous momentos idénticos, de persoas illadas no medio do mar, co rumbo perdido.

No pasado, temos tres mulleres embarcadas de xeito extraordinario en pleno século XVI, algo moi pouco común e asumindo tarefas tradicionalmente masculinas, como a dirección dun navío. Mais estas tres mulleres están interpretadas por homes, de novo unha mostra de liquidez teatral, de comunicación de esferas que transcenden os mesmos sentidos e os costumes, os hábitos que tan necesariamente temos que comezar a repensar. O seu rumbo está perdido no medio do mar, cunha tripulación que as cuestiona por ser mulleres e por non saber de certo cara a onde van.

No presente, un grupo de investigadorxs do océano, nunha expedición que segue as ordes de interese e rendibilidade empresarial, fronte á conservación do medio. Paradxs pola aparición súbita dunha enfermidade, confinadxs, están tamén sen rumbo. A expedición non pode seguir e aparecen as dúbidas morais do seu traballo, ao tempo que as sospeitas de como apareceu a enfermidade. Factores que xs enfrontan entre elxs.

Así, atopamos dous rumbos perdidos da súa dirección orixinal, pero que coliden no medio das augas (un comunicador universal), traspasando espazo e tempo e amosando como o ser humano pode, unha vez perdido, volver atoparse a si mesmo se prescinde das falsas seguridades, se se cuestiona a si mesmo, se confía. Velaquí a metáfora do lázaro, ou do resucitado, do que volve á vida unha vez perdido.

O ambiente da peza envolve como a auga ao barco. Un espazo onírico, deseñado por Carlos Alonso, que se complementa coa iluminación deseñada por André Rabaça e o espazo sonoro de Davide González, un dos intérpretes da peza e compositor de varias bandas sonoras que agora mesmo circulan polos palcos galegos.

A liquidez flúe tamén no mesmo elenco, composto polo caboverdiano Flávio Hamilton, o portugués Pedro Carvalho e o galego Davide González, así como nos idiomas propios nos que se expresan, mesturando galego e portugués (como xa fixera o Teatro Art’Imagem na peza Armazenados), que pasan dos roles masculinos aos femininos con apenas un cambio no movemento, na actitude. No elenco traspasa a relación, a comunicación e o apoio mutuo, a coreografía medida, precisa. É fermoso ver como cando un dos intérpretes non está en escena, permanece atento ao que acontece dentro, axudando así a soster a enerxía do equipo.

Tamén hai comunicación no estilo, na linguaxe teatral e simbólica. Podemos recoñecer signos distintivos do Teatro Art’Imagem (a elocución, o discurso intencionado, o uso da escenografía móbil) e signos identificadores de Incendiaria (o emprego do espazo sonoro como indicador, o uso dos micrófonos e o seu efecto de distanciamento, o corpo en movemento) ensamblados por Vanesa Sotelo, de xeito que se complementan e acrecentan esta sensación onírica de fluidez, como quen se deixa flotar sobre das augas do mar.

Ficha artística

Espécies Lázaro, de Teatro Art’Imagem

Texto e Dirección: Vanesa Sotelo
Asistente de dirección/Voz en off: Daniela Pêgo
Tradución Galego/Portugués: Diana Vasconcelos
Tradución Galego/Castelán: Vanesa Sotelo
Interpretación: Flávio Hamilton, Pedro Carvalho e Davide González
Dirección técnica e Deseño de luz: André Rabaça
Música e Sonoplastia: Davide González
Figurinos: Sofia Silva
Costureiras: Ana Fernandes e Rosa Maria de Almeida
Idea escenográfica: Carlos Alonso
Execución escenográfica: José Lopes
Dirección de produción: Sofia Leal
Asistente de produción: José Pedro Pereira
Deseño: Tiago Dias
Fotografía: Nuno Ribeiro
Vídeo promocional: André Rabaça
Dirección artística do Teatro Art’Imagem: José Leitão

Estrea na XXXVIII MITCF de Cangas. Auditorio Municipal de Cangas. 8 de xullo de 2021.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos