in

NarraSarria encherá o verán de contos e historias para cativos e adultos

NarraSarria
Deseño de Javier Lojo

As actividades do primeiro Festival de Contos e Narración Oral de Sarria son de balde e realizaranse os domingos en horario de mañá e tarde en distintos espazos da vila luguesa. A programación conta con oito espectáculos de profesionais de toda Galicia.

NarraSarria nace sendo o primeiro Festival de Narración Oral e Contacontos da vila luguesa. Unha actividade que levará oito espectáculos ás rúas de Sarria durante os domingos de xullo e o primeiro de agosto. O festival está impulsado pola compañía Feira do Leste e conta coa financiación do Concello de Sarria.

O Malecón, a igrexa de Santa Mariña e a Praza da Vila son os espazos onde os nenos e adultos poderán gozar de historias e contos da man de profesionais de recoñecido prestixio da narración oral galega coma Cris de Caldas, Lorena Pinheiro ou Ernesto Is.

Publicidade

A apertura de programación será o vindeiro domingo 11 de xullo da man do actor Santi Prego, finalista nos Premios Goya da Academia de Cine no 2020 como mellor actor revelación polo seu papel en Mientras dure la guerra de Alejandro Amenábar. Prego levará ao Malecón a súa peza O teatro máis pequeno do mundo ás 12.30 horas. Ese mesmo día, ás 20.00 horas, César No e Ernesto Is contarán historias de humor e picardía no seu espectáculo Dous falabaratos e un destino na igrexa de Santa Mariña.

O domingo 18 de xullo, Ernesto Is entreterá aos máis pequenos coa contada titulada Historias fascinantes de nenos e nenas delirantes. Será no Malecón ás 12.30 horas. Lorena Pinheiro traerá historias, contos e faladurías acompañada da súa pandeireta en Seica (Historias contadas de vergoñas, silencios e rebeldías), unha peza para mozos e adultos. A cita será na Praza da Vila ás 20.00 horas.

O agasallo das árbores, de Cris de Caldas e Xabi do Camiño, unha sesión de contos que ten como fío condutor o conto dos Tres Porquiños e a concienciación medioambiental. Esta proposta familiar vén acompañada de música en directo e poderá desfrutarse o domingo 25 de xullo ás 12.30 horas no Malecón. Ás 20.00 horas, na Igrexa de Santa Mariña, estará Cris de Caldas con Un feixe de contos.

O domingo 1 de agosto, a actriz Nerea Brey contará para os máis pequenos ás 12.30 horas no Malecón. Lúa e o tesouro do hórreo recolle as lendas galegas da man dunha rapaza moi bulideira que está na busca dun tesouro. Pechará o festival o clown Iván Davila cos seus Contos na lareira, unha proposta para cativos de máis de 3 anos. Será na Praza da Vila ás 20.00h.

Todas as actividades son de balde e non precisan reserva. Así mesmo, cumpriranse cos protocolos COVID garantindo a distancia de seguridade entre o público e os contadores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Colección DiTeatro

A Colección DiTeatro de Positivas suma tres novos títulos

Espécies Lázaro

Espécies Lázaro