in

Multitarefa

2332 |
Máscaras, 1942. Maruja Mallo

Continuamos a tope, en modo multitarefa. Penso que non son a única persoa que anda dividida en tropecentos proxectos.

En Galiza, o noso ecosistema, no ámbito cultural e das artes escénicas, non basta co traballo, porque non hai unha rede que sosteña ou ampare o que se fai e, ás veces, parece que todo cae en saco roto e hai sempre que volver comezar de novo.

Non vou queixarme, só constatar un feito con múltiples causas e múltiples derivadas.

A cuestión é que ningún profesional das artes escénicas en Galiza, e supoño que en moitos outros lugares acontecerá algo semellante, pode conseguir que o seu traballo funcione limitándose ás competencias exclusivas do seu perfil laboral e a un horario xusto. Non é como unha dentista, un albanel ou unha profesora de matemáticas, que realizan o seu traballo, dentro da súa xornada laboral e cando acaban, acabaron e punto. Unha directora escénica, unha actriz ou un profesor de dramaturxia, dentro do contexto sociocultural e lingüístico galego, ademais de desenvolver as competencias do seu perfil profesional, teñen que facer militancia cultural e realizar moitas outras tarefas. Actividades que colaboren en que o seu traballo teña visibilidade e poida alcanzar os obxectivos lexítimos que, en condicións adecuadas e xustas, lle corresponderían.

Porén, os danos colaterais da vida multitarefa, e de compaxinala con labores de militancia cultural, son evidentes: dispersión, falta de concentración, o cal pode redundar en descoidos e en obras ou proxectos menos sopesados e madurados.

A isto hai que engadir a enchente de información e comunicación simples, que as redes sociais e as ferramentas tecnolóxicas implementaron. Tamén a aceleración crecente nas realizacións. Cada vez facemos máis cousas en menos tempo.


Publicidade

Nese contexto, resulta difícil encontrar momentos para pensar, para concentrarse vendo un espectáculo ou lendo un libro, para analizar e profundar no que se fai. Se cadra, por iso se incrementou a oferta de cursos de Mindfulness, de meditación e doutros recursos que, nunha vida sa e máis ou menos equilibrada, se darían por si sos.

Entramos no mes de agosto, cando se supón que é o período de desconexión. Pero a profesional das artes escénicas (en calquera das súas áreas), vai ser difícil que se poida permitir desconectar.

Ter traballo non é malo, aínda que a etimoloxía, segundo o dicionario de Joan Corominas, sinale: “Traballar ‘sufrir’, ‘esforzarse, procurar por’. […] Do latín vulgar ‘tripaliare’ ‘torturar’, derivado de ‘tripalium’, ‘especie de cepo ou instrumento de tortura’.” Escribe Corominas no seu dicionario que “traballo” conserva, na Idade Media e aínda hoxe, o sentido etimolóxico de ‘sufrimento, dor’.

Velaí que o que debería ser un pracer, por vocación, formación e paixón, as artes escénicas, acaba por ser unha tortura, cando non se pode exercer nas condicións adecuadas.

Para que os procesos, os resultados e as persoas non se resintan, sería importante reivindicar a palabra profesión, máis do que o “tripalium” da multitarefa. Profesión, de profesar, declarar ou ensinar en público, profesor, profesional, quen ten oficio.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Leira

‘Leira’, de Nova Galega de Danza, finalista en dúas categorías dos Premios Max

Misterio Cómico con Celso Parada

Reencontro Celso Parada