A Sección Oficial de PHOTHOESPAÑA21 expón o traballo fotográfico de Barbara Morgan (1900, Buffalo – 1992, Nova York) sobre a segunda xeración da modern dance. A fotógrafa foi unha espectadora excepcional das danzas da compañía de Martha Graham, percibiu a potencia nacional da nova danza americana e inmortalizou unha xeración íntegra, destacan: Erick Hawkins,Valerie Bettis, José Limón, Doris Humprey, Pearl Primus, Merce Cunningham, Anna Sokolow, Helen Tamaris, Charles Weidman e o tratamento específico da produción de Martha Graham.
Na sala iluminada con lámpadas de lágrimas penduradas do Museo do Romanticismo atopamos saltando na entrada a Erik Hawkins (El Penitente, 1940) e Merce Cunninghan (Totem Ancestro, 1942); naquel tempo ámbolos dous bailaríns formaban parte da compañía de Graham. Posteriormente, abandonaron o grupo para desenvolver valiosas achegas que mudaron a historia da danza e compartiron unha crítica sobre a falta de espazo para desenvolver a danza masculina xunto a xenial coreógrafa.
Durante a década dos vinte, Barbara Morgan decidiu dedicarse á fotografía coincidindo co nacemento da nova disciplina artística. Interesada nas danzas tradicionais dos indios do suroeste americano, coincide con Martha Graham na atención á dimensión ritual da danza. Morgan recoñece a inmensa calidade da coreógrafa, e no 1941 publica o seu primeiro libro de fotografías titulado Dezaseis Danzas en Fotografías no que exercita unha percepción metódica como espectadora e fotógrafa de danza. Barbara Morgan desenvolveu unha práctica atenta, repetida, continua sobre as coreografías do grupo de Martha Graham ata condensalas en imaxes, o que fai que perduren na memoria dos afeccionados á danza de distintas xeracións.
Quizais as fotografías máis icónicas da sacerdotisa da danza moderna son certos intres escollidos en Letter to the World, Lamentation ou nos dúos con Erick Hawkins que podemos gozar nesta pequena mostra.
Na única sala atopamos dúas seccións dedicadas en exclusiva a solos como Lamentation (1930) e Deep Song (1937), esta última documentada con catro fotografías da danza de Martha Graham inspirada no Poema do Cante Jondo de Federico García Lorca. A traxedia da Guerra Civil Española entendeuse coma a traxedia do mundo enteiro. Numerosas coreógrafas antifascistas, tamén Pearl Primus ou Helen Tamiris, dedicaron coma Martha Graham creacións temáticas e bailaron para recadar fondos en apoio ó bando republicano e posteriormente ós exiliados da II República.
Noutras seccións tituladas Átomos Danzando e Ritmo Vital descubrimos fendas do pensamento de Doris Humprey (Cos meus fogos vermellos – Matricarca, 1938), un escultórico equilibrio antes da caída de Charles Weidman en Lymchtown(1938) e varias imaxes da figura india de José Limón en Suite mexicana (1944).
Ata na sección dedicada a un desvío polas Fotomontaxes de Barbara Morgan, atopamos o corpo de Erick Hawckins atravesando unha pista de xeo con flores impresas nun parque titulado Primavera en Madison Square. Barbara Morgan foi tamén pintora e gravadora, mesturou técnicas, e a calidade desa síntese impregnou as mans, os pés, os colos, os torsos, os rostros e as teas que visten e descobren a danza moderna.
No ano 1945 a fotógrafa da danza americana presentou no MoMa unha mostra arredor da fenomenal xeración, podemos consultar a documentación nunha mesa acristalada cun programa e imaxes sobre a exhibición, acompañada doutros libros abertos que mostran o traballo de Morgan interesada en distintas temáticas e técnicas.
Sobre a súa fotografía de danza, ela mesma escribiu: “Como fotógrafa correspondeume a fascinante responsabilidade de captar e comunicar esas manifestacións do espírito humano que, pola contra, non perduraría alén da actuación… Intentei dun modo constante reproducir a relación entre luz, tempo, movemento, espazo e espírito, coa que reflectir non unha testemuña concreta, senón a esencia da danza, a través da imaxe fotográfica”.
A fotografía de Barbara Morgan posúe unha forte carga social e histórica. A enerxía emerxe íntegra na obra de Morgan, nos intres prendidos das sombras, nas figuras repetidas que arden na delicadeza expresiva das fotografías. A súa dedicación produce unha influencia benigna: aprender a mirar a danza coa enerxía vital, condición necesaria do corpo dramático da modern dance que esta gran mestra da fotografía americana atrapou para doala ó futuro.