67 GRAOS – OURENSE FERVESCÉNICA
O FESTIVAL INTERNACIONAL DE TEATRO DE OURENSE (FITO) convoca 5 bolsas de creación destinadas á promoción e ao diálogo entre os artistas ourensáns.
A 14ª edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense, que terá lugar entre os días 14 e 24 de outubro deste ano acollerá, xunto coa exhibición de espectáculos, os froitos de 5 bolsas de creación de pezas a escala que porán o acento nas creadoras e nos creadores ourensáns buscando e promovendo o diálogo entre disciplinas artísticas e apoiando a fortaleza e o pulo creativo do sector na cidade e na provincia. O Festival abre a convocatoria dun concurso de ideas onde os creadores poderán postularse para ser os beneficiarios desas cinco bolsas de creación correspondentes a cinco micro-espectáculos, performances ou pezas singulares de pequena escala que deberán ter como carta de natureza a contemporaneidade, a hibridación e o diálogo entre artistas, xéneros e disciplinas englobadas dentro das artes vivas.
Baixo o título 67 graos Ourense Fervescénica,-nome que fai referencia á temperatura coa que sae a auga do cano grande da Burga-, as cinco propostas seleccionadas contarán cunha achega por parte do FITO de 300 € cadansúa, para facer fronte aos gastos de produción dos microespectáculos cunha duración máxima de 20 minutos e mínima de dez, que con posterioridade se exhibirán no Teatro Principal nunha única xornada. Serán os espectadores a esta xornada de exhibición os que elixirán de entre as pezas seleccionadas a gañadora dun premio de 600 €.
Con esta iniciativa o FITO busca reforzar a influencia positiva a nivel social, cultural, artístico e económico que xera o festival activando o tecido cultural de base ademais do profesional, promovendo unha cidade viva e visibilizando a cultura e os seus profesionais.
67 graos-Ourense Fervescénica pretende, dentro das súas posibilidades, demandar de xeito proactivo políticas que incentiven e non castiguen a acción cultural, divulgar novas linguaxes artísticas no ámbito das artes escénicas, e pór acento no desmantelamento cultural e as políticas desactivadoras.
A recepción de propostas, que poderá facerse on-line a través da páxina web do festival e do seu correo ([email protected]), permanecerá aberta ata o día 3 de outubro.