in ,

O Festival Internacional de Teatro de Ourense convoca cinco bolsas de creación

'Poeta en Nova York' da Cía. Teatro Baixo da Area. Programada na 13ª edición do FITO 2020
'Poeta en Nova York' da Cía. Teatro Baixo da Area. Programada na 13ª edición do FITO 2020

67 GRAOS – OURENSE FERVESCÉNICA

O FESTIVAL INTERNACIONAL DE TEATRO DE OURENSE (FITO) convoca 5 bolsas de creación destinadas á promoción e ao diálogo entre os artistas ourensáns.

A 14ª edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense, que terá lugar entre os días 14 e 24 de outubro deste ano acollerá, xunto coa exhibición de espectáculos, os froitos  de 5 bolsas de creación de pezas a escala que porán o acento nas creadoras e nos creadores ourensáns buscando e promovendo o diálogo entre disciplinas artísticas e apoiando a fortaleza e o pulo creativo do sector na cidade e na provincia. O  Festival abre a convocatoria dun concurso de ideas onde os creadores poderán postularse para ser os beneficiarios desas cinco bolsas de creación correspondentes a cinco micro-espectáculos, performances ou pezas singulares de pequena escala que  deberán ter como carta de natureza a contemporaneidade, a hibridación e o diálogo entre artistas, xéneros e disciplinas englobadas dentro das artes vivas.

Baixo o título 67 graos Ourense Fervescénica,-nome que fai referencia á  temperatura  coa que sae a auga do cano grande da Burga-, as cinco propostas seleccionadas contarán cunha achega por parte do FITO  de 300 € cadansúa, para facer fronte aos gastos de produción dos microespectáculos cunha duración máxima de 20 minutos e mínima de dez, que con posterioridade se exhibirán no Teatro Principal nunha única xornada. Serán os espectadores a esta xornada de exhibición os que elixirán de entre as pezas seleccionadas a gañadora dun premio de 600 €. 


Publicidade

Con esta iniciativa o FITO busca reforzar a influencia positiva a nivel social, cultural, artístico e económico que xera o festival activando o tecido cultural de base ademais do profesional, promovendo unha cidade viva e visibilizando a cultura e os seus profesionais.

 67  graos-Ourense Fervescénica pretende, dentro das súas posibilidades, demandar de xeito proactivo políticas  que incentiven e non castiguen a acción cultural, divulgar novas linguaxes artísticas no ámbito  das artes escénicas, e pór acento no desmantelamento cultural e as políticas desactivadoras.

A recepción de propostas, que poderá facerse on-line a través da páxina web do festival e do seu correo ([email protected]), permanecerá aberta ata o día 3 de outubro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Microspectivas

Comeza o Festival Internacional de Teatro É-Aqui-in-Ócio

Vigocultura

Vigocultura arranca a programación de outono que contará con 37 funcións