in , , ,

Gustavo del Río gaña o VIII Torneo de Dramaturxia de Galicia

Co texto ‘PEC’, do que fixeron unha lectura dramatizada Mónica Sueiro e Ángel Blanco

VIII TORNEO DRAMATURXIA 1 red
Gustavo del Río resultou ser o gañador do VIII Torneo de Dramaturxia de Galicia. Foto de Diego Seixo.

Despois de asistir á lectura dramatizada dos catro textos que combatían, o público do VIII Torneo de Dramaturxia de Galicia escolleu como gañador PEC, que resultou ser da autoría de Gustavo del Río. Foi onte á noite, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas, dentro da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, nunha gala presentada por Déborah Vukušić dunha edición cuxo lema de partida para os textos xusto fora “Isto hai que paralo”.

Nun xogo poético do destino, un pequeno problema técnico inesperado cun micrófono fixo que se tivese que deter o comezo musical do acto e volver comezalo. Déborah soubo xogalo, reforzando a conexión co público e a sensación de maxia do directo.

Despois da presentación do torneo, das regras do xogo e das persoas participantes: as dramaturgas e dramaturgos (Borja Fernández, Cris Balboa, Gustavo del Río e Teresa González Costa) e os actores e actrices (Nadia Doménech e Mighello Blanco, Bea Campos, Iván Davila, Jorge de Arcos, Mónica Sueiro e Ángel Blanco), deu comezo o combate, nun ring emprestado, como todos os anos, por Fran Godón.

O primeiro texto que se presentou foi Quen ten a coroa?, lido por Mighello Blanco e Nadia Doménech. Pon en escena unha conferencia dun rei arredor dos símbolos da coroa que vai derivando cara á exaltación, en todos os sensos, persoal e familiar. O discurso do monarca, en inglés, bate contra as intervencións dunha intérprete que adorna o discurso na súa tradución ao galego, facéndoo derivar cara ao absurdo, nun interesante xogo que nos fai pensar en quen ten realmente o poder. O seu autor resultou ser Borja Fernández.

O segundo texto que subiu ao ring foi Microbiota fecal, un monólogo lido por Bea Campos, arredor da tiranía da cultura da imaxe e do wellness (que vén ser o mesmo que benestar pero en inglés seica ten máis nome de negocio), e dos métodos que se poden chegar a poñer en práctica para acadar ese estado de plenitude física, coas súas inesperadas (e cómicas) consecuencias. Cris Balboa revelouse ao final da gala como a súa autora.

O terceiro texto foi #vinganzadoanxo, subtitulado como “un delirio cósmico nun acto”, que nos traslada ao universo e nos presenta dous anxos gardiáns do ceo, e como un deles busca xerar unha rebelión para parar a desfeita que está a cometer o ser humano tanto na Terra como fóra dela (e as consecuencias que iso ten para os anxos), e como aposta por iniciala usando métodos humanos (as redes sociais). Lérono Iván Davila e Jorge de Arcos, e logo desvelouse que o texto era de Teresa González Costa.


Publicidade

Pechou a presentación, PEC, lido por Mónica Sueiro e Ángel Blanco; un texto que despois resultou ser o gañador da noite, escrito por Gustavo del Río, e que aborda as dificultades comunicativas entre unha nai da xeración X e o seu  fillo da Z, e como ela tenta romper as barreiras para poder entendelo e comunicarse con el.

Ao remate das catro lecturas, as persoas espectadoras votaron o texto que querían que gañase, sen saber quen o escribira, coroando PEC. Aínda que o que o público debe votar no torneo son os textos e non a interpretación, cómpre destacar o desempeño dos actores e actrices e como deron vida ás catro pezas, cunha grande expresividade, cando só tiveran dúas horas antes do evento para ver o texto que lles correspondía co seu autor ou autora.

Os textos desta edición foron xa publicados por Edicións Positivas, nun volume que se puido adquirir, ao igual cós das edicións anteriores, ao remate do torneo.

VIII TORNEO DRAMATURXIA grupal red
Foto grupal do VIII Torneo de Dramaturxia de Galicia. Foto de Diego Seixo.

Detrás da organización deste proxecto están Santiago Cortegoso e Esther F. Carrodeguas e a propia MITCFC. O Torneo conta tamén coa colaboración do Centro Dramático Galego.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Deborah Vukusic, Manuel Cortés, J.L. Baños de Cos e Ana Abad de Larriva

A 41ª MITCFC acolle o VIII Torneo de Dramaturxia de Galicia

Portadas Pyka e Amantis erregueté

A MITCFC acolle a presentación do libro coas pezas ‘Amantis’ e ‘Pyka’, publicado pola erregueté