in , , ,

A MITCFC acolle a presentación do libro coas pezas ‘Amantis’ e ‘Pyka’, publicado pola erregueté

Esta tarde, ás 18.00 horas, no salón de plenos do Concello de Cangas, e irá seguida de dúas presentacións de Ediciones Invasoras

Portadas Pyka e Amantis erregueté

Achegarse ás pezas Amantis, de Tamara Canosa e Xacio Baño, e Pyka, de Cinema Sticado (Helena Varela e Xosel Díez) e Julio Fer, con música de Brais González, nun encontro coas autoras e autores. Isto é o que propón a presentación que desenvolverá esta tarde a erregueté | Revista Galega de Teatro, a partir das 18:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Cangas, dentro da programación da 41ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC.

Cos motores en plena marcha para a próxima saída do número 108 da revista en papel, a erregueté formulou este acto para achegarse e afondar nas pezas deste libro que vén de publicar, así como no traballo que desenvolven dentro das artes escénicas galegas as súas autoras e autores, nun encontro que favoreza o diálogo coas persoas asistentes, en colaboración coa MITCFC, que acolle cada ano, xa de xeito histórico, unha presentación da revista e/ou dos seus libros da colección de dramaturxia.

É este un libro que ten especial relación con Cangas e tamén coa súa Mostra. A montaxe de Amantis fora coproducida pola MITCFC, que acollera no ano 2022 unha función e unha presentación-coloquio sobre o traballo, os temas que abordaba e os seus obxectivos, na que participara Tamara Canosa, e agora é tamén a propia María Armesto, directora artística do festival, quen asina o prólogo da peza no libro. Cinema Sticado, pola súa banda, é unha compañía con sede en Cangas, e Pyka fora tamén estreada na MITCFC.

Na presentación desta tarde participarán Tamara Canosa, Helena Varela, Xosel Díez, Julio Fernández e Brais González, nun acto guiado por Roi Vidal Ponte e Ana Abad de Larriva, dende a erregueté. Será un acto aberto a todas as persoas interesadas en asistir e achegarse a estas dúas pezas, así como ao traballo das súas autoras e autores.

O libro

O volume que se presenta trátase dunha edición de peto con dobre portada que inclúe os textos Amantis, de Tamara Canosa e Xacio Baño, e Pyka, de Cinema Sticado e Julio Fer, con partituras de Brais González.

Amantis conta a historia de M. Un rapaz de barrio obreiro que quere ser influencer, amado, aceptado. Nese camiño topará coas trampas dun universo intanxible no que non todo é o que parece e no que descubrirá que el mesmo non é quen pensaba ser. Tamara Canosa e Xacio Baño buscan con esta obra unha vía de aprendizaxe para as persoas da súa xeración e, á vez, un espello no que a mocidade poida mirarse e recoñecer(se).

Pyka, que en ruso significa “brazo”, é a historia e o remake dunha película desaparecida da cal só queda un documento sonoro e o seu título. O punto de partida é un relato familiar de Helena Varela que sitúa a súa avoa Gelines como única testemuña dunha película de animación que fixo unha tal Olga Lebèdev na Rusia stalinista, en colaboración co director de cine Sergei Eisenstein. A edición inclúe as partituras das composicións musicais, xa que xogan un papel moi importante na configuración da peza.


Publicidade

Presentación de libros de Ediciones Invasoras

Despois deste acto, o salón de plenos do Concello de Cangas acollerá ás 19.00 horas a presentación do libro As máscaras de Ibáñez, o marqués de Sargadelos que nunca foi, de Antón Lamapereira e Xabier Fernández, publicado por Ediciones Invasoras, no que participarán os seus autores.

Sinopse: “Antonio Raimundo Ibáñez, comerciante, armador en corso, empresario industrial, ennoblecido e asasinado o dous de febreiro de 1809, deixou trás de si unha idea controvertida da súa persoa no imaxinario popular:déspota, traidor, afrancesado, antipatriota… Neste texto téntase presentar a súa vida, documentada e imaxinada desde a súa orixe nos Oscos ata a súa morte en Ribadeo”.

As máscaras de Ibáñez

As 19.30 horas, desenvolverase tamén o acto titulado Recuperación do patrimonio teatral de Galiza, que inclúe a presentación de dous libros de Francisco Oti, que recollen unha boa parte da  historiografía teatral galega:  Alicerces teatrais en Galiza; unha achega de fontes fundamentos e feitos (1952-1975) e Teatro Estudio de Ferrol , que irá seguida da proxección da mediametraxe As muletas, rodada en 1968 escrita e dirixida por Eduardo Alonso. No acto participarán Francisco Oti, Julio Fernández (editor de Invasoras) e Eduardo Alonso.

Portada libros Francisco Oti

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

VIII TORNEO DRAMATURXIA 1 red

Gustavo del Río gaña o VIII Torneo de Dramaturxia de Galicia

Cláudia Fonseca

O Festival Atlántica clausura a súa XII edición