in

Leonardo e os biosbardos

Leonardo e os Biosbardos
Foto: Zahira Teijelo

A Xanela do Maxín estreou o día 15 de outubro o seu último traballo, Leonardo e os biosbardos, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, dentro da programación do XXVI Festival Internacional Galicreques que se desenvolveu nesta mesma localidade entre os días 9 e 17 de outubro.

Os biosbardos, segundo a RAG, son uns seres imaxinarios cos que se engana a un incauto. Forman parte do noso imaxinario colectivo, tanto, que se utilizan expresións cotiás como, andar aos biosbardos, aos biosbardos ou nos biosbardos, con claras alusións ao despiste. Tamén nos retrotrae a unha das grandes obras de Eduardo Blanco Amor, Os biosbardos, do que pertence este relato que A Xanela do Maxín adapta para o teatro de monecos e actores/actrices.

A escena sitúanos no mundo rural e a escenografía presenta cinco elementos onde van transcorrer as accións: na esquerda do escenario está a casa de Leonardo (O que ocorre dentro vese con sombras), e tamén o galiñeiro. Na dereita dúas árbores, nunha delas unha cabana (Tamén con sombras), e a cova dos raposos. No medio do escenario, dividindo estes dous espazos, un río.

Este ambiente de natureza e as tres probas que terá que pasar Leonardo, introducen na dramaturxia elementos tradicionais do conto marabilloso.

Leonardo quere integrarse e para poder formar parte da cuadrilla da Roncolla, a líder do grupo mándalle realizar tres probas, a última, a de ir cazar os biosbardos. Leonardo, desde a necesidade de formar parte de algo, de non estar só, de relacionarse con persoas da súa idade, ten que ceder ante as pretensións da Roncolla, e xórdenlle medos e inseguridades que se manifestan nos soños. Como resultado desas pulsións internas que non atopan alivio aparecen os pesadelos.


Publicidade

Hai unha trama secundaria na que os raposos amedrentan e manipulan aos animais que habitan o galiñeiro. Aquí créase outra relación de forzas opostas e desequilibradas entre o opresor e o oprimido, mais con final feliz.

As crianzas, como público, aman a xustiza e, preguntados, deciden perdoar aos opresores. A peza pecha cunha mensaxe final que di: ante o medo a valentía.

Este espectáculo é para crianzas a partir de 6 anos, mais tamén poden desfrutar del as persoas acompañantes. A Xanela do Maxín leva 15 anos como compañía con 20 espectáculos realizados, os últimos xa en gran formato. Tamén teñen a editorial Guindastre onde adaptan a conto os espectáculos da súa autoría.

Leonardo e os biosbardos, A Xanela do Maxín

Dirección: Celtia Figueiras e Xosé Breijo “Topo”
Autoría do conto orixinal: Eduardo Blanco Amor
Adaptación teatral: Xosé Breijo “Topo”
Intérpretes: Celtia Figueiras, Mario Rodríguez e Xosé Breijo “Topo”
Iluminación: Octavio Más
Espazo Sonoro: Vadim Yukhnevich
Deseños: Julia Abal e Isaac Sucasas
Construción de monicreques e escenografía: Isaac Sucasas, Julia Abal, Celtia Figueiras, Borja Ínsua e Xosé Breijo“Topo”
Produción e distribución: A Xanela do Maxín
Colabora: Editorial Galaxia

Festival Galicreques, 2021.

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Confrontación

A confrontación do ser humano como punto de partida para o cambio

Nova Galega de Danza

Nova Galega de Danza galardoada co Premio da Cultura Galega 2021