Estou escribindo este artigo un domingo pola mañá. Vou tarde e non teño claro que vaia saír publicado hoxe. Ademais, esta máquina de escribir con moitas posibilidades non parece estar funcionando ben e xa me borrou cousas.
Levo enfermo catro semanas. Foi un virus mal curado que se fixo forte no me corpo porque o paracetamol non mata virus. Entón, o que debía ser un virus de outono sen moita historia converteuse nun mes case en branco.
O malo de estar enfermo en 2021 é que tes o móbil demasiado cerca. Así que pasei moitas horas navegando polas vidas privadas dos demais. Agora sigo contas de famosos e leo moitos xornais independentes.
Parece que no mundo hai moitos problemas. E tamén parece que non hai espazo para todos. Hai un serio problema de espazo nesta época nosa. Algo lin sobre que Marx consideraba o espazo como un símbolo de liberdade. Parece que non todo en Marx era tomar os medios de produción, tamén había que descansar e ter tempo libre. Como dixen, leo moito xornal independente.
Neste mes pasaron moitas cousas e non pasou gran cousa. Coma sempre, todo parece gravísimo e logo non o é tanto ou o sistema consegue neutralizar a ameaza coma se fose un gran antibiótico de amplo espectro.
Hai lugares do sistema aos que o antibiótico non chega. Pequenos focos de resistencia que conseguen escapar do gran vixilante para facerse fortes.
O teatro é resistencia porque segue a ser puro. E a súa natureza faino así. O teatro debe ser un espazo de descanso para poder ser un foco de liberdade.
E de rebeldía.
Ante o avance firme e constante de ideas que criamos ancoradas no pasado, o teatro debe ser, como xa o foi, un lugar incómodo para todo virus de odio e nostalxia da escuridade.
Os rebeldes sempre fomos nós, e é fundamental manter esa actitude do noso lado. Ante todo e pese a todo.
O teatro tamén é memoria. E a memoria é o último que nos separa da barbarie. Sen memoria, todo virus campará tranquilo por un sistema noqueado e inerte. A memoria activa as células, activa incluso algo tan intanxible como a enerxía. A memoria debe poñernos en funcionamento.
Xa o dicía Sacristán naquela película: “Hay que recordar”.
Hai que lembrar, como lembran as células os virus que xa pasaron, como lembra o corpo cada golpe e como lembran as táboas de cada teatro as funcións que se fixeron sobre elas.