Parece que a pandemia nalgúns lugares do planeta comeza a estar controlada. Parece, aínda que as circunstancias se están volvendo a complicar.
En Galiza a capacidade dos teatros e auditorios volve estar ao 100%. Agora só falta que se enchan e para iso fan falta varias cousas, alén da calidade artística.
Esta moitas veces parécenos un imponderable. Porén, aínda que con certa relatividade, si que se pode ponderar. De feito, nos estudos artísticos, nos xurados de premios e subvencións e na actividade de quen programa espazos de exhibición, produción, distribución e residencia artística, avalíase, entre outros aspectos, o da calidade artística. E de que depende a calidade artística? Pois, só por citar algúns aspectos, depende de parámetros técnicos, metodolóxicos e estilísticos, máis ou menos obxectivos, e da súa coherencia.
Alén dela, da calidade, para que os teatros e auditorios se enchan de vida fai falta difusión e visibilización das artes escénicas, máis investimento en publicidade, máis esforzo en potenciar os medios que se ocupan de atender e difundir as artes escénicas.
Ás veces observo como os festivais e os teatros meten o pouco diñeiro que teñen en pagarlle páxinas ou en poñer anuncios na prensa xeralista e descoidan os medios especializados. Unha páxina nun xornal de Madrid ou en La Voz de Galicia, segundo un colega que sabe moito de comunicación, só serve para prestixiar a quen dirixe ese teatro ou festival, pero poucas espectadoras ou espectadores vai levar ao teatro.
Se cadra, porque o público das artes escénicas adoita ser, polo xeral, un público con inquedanzas culturais, que é tamén o público que le a erregueté | Revista Galega de Teatro ou outras publicacións culturais.
O señor que está no bar e colle o xornal mentres toma un café, non ten porque ser unha persoa que invista en cultura, ou sexa, que lea libros, que vaia ao teatro, etc. Ou si.
Pero, en todo caso, é certo que o público potencial para encher de vida os teatros e para participar da creación artística, porque as artes escénicas fanse entre o escenario e a platea, adoitan ser persoas que invisten o seu tempo e o seu diñeiro en cultura. Por iso descoidar os medios culturais é un erro de estratexia. As persoas interesadas ou con curiosidade respecto á actividade cultural miran antes a páxina web da erregueté ca un diario xeralista. É lóxico que así sexa.
Así que para encher os teatros a plataforma na que estás a ler isto tamén conta. Non só pola difusión informativa, senón tamén pola procura de coñecemento arredor do feito escénico. Ler unha revista cultural ou de artes escénicas amplía a nosa percepción artística e estimula a nosa sensibilidade.