in Novas
Vigocultura presenta a súa nova programación, que leva a Vigo 20 pezas de artes escénicas entre os meses de xaneiro e abril
A nova programación de artes escénicas de Vigocultura inclúe unha vintena de pezas de artes escénicas, que se poderán ver en Vigo entre os meses de xaneiro e abril. O programa inclúe 20 compañías e un total de 24 funcións para todos os públicos de teatro, danza, circo, maxia e espectáculos para bebés.
A programación comezará na rúa do Príncipe o venres 28 e o sábado 29 de xaneiro, co pasarrúas The Wolves, da compañía La Fam Teatre, un espectáculo con música en directo e zancudos no que catro brokers de Wall Street percorrerán o centro da cidade a ritmo de funky e onde desenvolverán unha peculiar xornada laboral. Dúas estreas mundiais de dúas compañías viguesas, Hotel Europa, de Señora Supina, e O péndulo, de Inversa Teatro; unha estrea en Galicia con Turistas, de Meridional Producciones; pezas de compañías como A panadaría, ArtesaCía, Ibuprofeno Teatro, Teatro En Vilo ou Teatro do Noroeste, e dous espectáculos de danza como Bailar agora, de Marta Alonso ou DeMente, de Fran Sieira, conformarán a oferta dos venres no auditorio municipal, destinada ao público adulto.
A programación para público familiar que se desenvolve os domingos estará cargada de maxia, monicreques, circo, danza e, nesta ocasión, e ante a demanda do público, haberá dous espectáculos para bebés.
Pola súa banda, Cris, pequeña valiente, de El Espejo Negro, abrirá a oferta para os máis cativos o domingo 6 de febreiro, cun espectáculo sobre a transexualidade infantil que recibiu no 2021 o Premio FETEN ao Mellor Espectáculo, o Premio Especial do Xurado de Palma del Río ou o Premio do Público da MIT de Ribadavia. Tarzán, de MarMar Teatro; Sopa de piedras, de Engruna Teatre; Las pequeñas cosas, de LA MECANICA; o espectáculo de circo Isla de D’Click; a maxia de Dani Polo e os espectáculos para bebés Os tres porquiños, de Migallas Teatro, e o de danza Pequeño Big Blue, de Panicmap Proyectos Escénicos, completan este programa de artes escénicas que rematará no mes de abril.