in

O título alén da titulite

ESAD de Galicia, en Vigo. Eduardo Irago Fotografía.
ESAD de Galicia, en Vigo. Eduardo Irago Fotografía.

Comezamos o ano revalorizadas. Valer valemos o mesmo, pero se nos queremos un pouco máis tamén habemos de valer máis, non é?

O sábado 1 de xaneiro de 2022, o Boletín Oficial do Estado inaugurou o ano novo publicando a Resolución do 23 de decembro da Secretaría Xeral de Universidades, sobre un Acordo do Consello de Ministros do 7 de decembro, polo que se determina que o Título Superior de Arte Dramática, en todas as súas especialidades, se corresponde co nivel 3, Máster, do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior, que, á súa vez, se corresponde co nivel 7 do Marco Europeo de Cualificacións. Noutras palabras, as persoas que temos o Título Superior de Arte Dramática, en calquera das súas especialidades, temos, a partir de agora, un título de Grao (antes chamado Licenciatura) e de Máster. Noutras palabras, a titulación de catro anos que, en Galiza, expide a Escola Superior de Arte Dramática é unha titulación de Grao e Máster con validez, desde agora, en toda Europa.

Os estudos superiores de Arte Dramática son eminentemente vocacionais. Ninguén se pon a estudar isto na procura dun título. Ninguén fai as probas de acceso e se implica nestes estudos pola comenencia do título. Así pois, a “titulite” non adoita ser unha patoloxía típica da xente do teatro e das artes escénicas en xeral. A paixón e o amor pola investigación artística, connatural á creación, adoita ser a condición sine qua non.

Publicidade

Porén, a dignificación, prestixio e lexitimación do recoñecemento do título é importante. Nunha sociedade democrática e xusta debera ser tan valorada a formación, regulada e pública, en medicina como en arte dramática.

Non se trata de contribuír á pugna da meritocracia, pero si á xusta valoración de quen aposta por formarse nun ámbito laboral e artístico, como é o caso.

Levo dezasete anos de profesor na ESAD de Galicia, desde que abriu as súas portas en setembro de 2005. Nas probas de acceso, cada un tempo, aparece algunha persoa que concorre despois de ter feito outras carreiras universitarias, como medicina, veterinaria, xornalismo, arquitectura, matemáticas, historia, filoloxía, etc. Na entrevista das probas de acceso, esas persoas, adoitan comentar que primeiro fixeron outra carreira, xeralmente pola presión da familia, que lles pedían que estudaran algo serio, algo cunha titulación recoñecida. A familia acostuma ser un reflexo da sociedade. E, unha vez que xa tivesen unha carreira seria e recoñecida, entón xa tiñan o salvoconduto para, por fin, poder estudar e formarse no que, realmente, lles gustaba máis, o teatro.

En Arte Dramática, a día de hoxe, aínda continúa a pasar isto. Supoño que en danza e música tamén acontecerá algo semellante, aínda que na danza e na música cómpre comezar moi cedo e iso xa vai condicionando o percorrido académico.

Se cadra, a partir de agora, co nivel de Grao e Máster do noso título, a perspectiva social comeza a mudar.

Non obstante, a relativización ou capitulación da “titulite”, e as comenencias a ela asociadas, xa vén minguando, na mesma medida que o propio mercado se convulsiona polas recesións e na medida en que aumenta masivamente o número de persoas con titulacións superiores.

As crises sempre menoscaban ou poñen en cuestión, un pouco, o status quo e algúns rangos de privilexio.

Na miña opinión, unha das poucas cousas boas, por non dicir a única, que lle debemos á crise económica de finais da primeira década deste século, foi aquilo de que certas carreiras e certos títulos garantían o emprego, ou sexa, o ranking das carreiras con máis saída no mercado laboral.

A crise financeira de 2008 veu demostrar o xusto, o que sempre lle digo ao meu alumnado: non son os títulos ou as carreiras as que teñen saídas, senón as persoas, o seu empeño, a súa implicación, a súa aposta polo coñecemento e pola mellora. E creo firmemente que traballar nas aulas desde estes valores básicos de compromiso, implicación, paixón, ilusión, sensatez, constancia, autocrítica, colaboración e esforzo, si, esforzo tamén, no sentido positivo, dá resultados felices para as persoas e para a sociedade na que participan activamente. Podo comprobalo en moitos casos que me enchen de ledicia, malia ao adverso panorama galego, no que moito alumnado que rematou brillantemente os seus estudos está a traballar, dun xeito ou doutro, no ámbito das artes escénicas e a ofrecernos froitos que xa forman parte da historia recente do noso teatro.

Publicidade

Así que, alén da “titulite” vacua, é de xustiza que o Título Superior de Arte Dramática se poña á altura dunha formación exixente e altamente comprometida e deixe de ser un lastre para as persoas que apostan por ela.

Publicidade
Publicidade
Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xian Martinez |

O coreógrafo Xián Martínez, camiño de Canadá para unha residencia creativa na EDCM de Montreal

Demente de Fran Sieira

Vigocultura presenta a súa nova programación, que leva a Vigo 20 pezas de artes escénicas entre os meses de xaneiro e abril