Cinco profesionais galegos da cultura poderán completar a súa formación nos Estados Unidos ao abeiro do programa de bolsas convocado pola Xunta de Galicia e a Comisión Fulbright. Trátase da segunda edición destas axudas, que converteron a Galicia na primeira comunidade autónoma en subscribir un acordo desta características con esta comisión.
Poderán participar nesta iniciativa as persoas que teñan conexión con Galicia por nacemento, residencia, formación en estudos superiores ou artísticos e traxectoria profesional. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 24 de marzo e deberán completarse na web da entidade.
A convocatoria ten como obxectivo redundar tanto na mellora da calidade do traballos das persoas seleccionadas como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional. Así mesmo, contribuirán a promocionar e divulgar o patrimonio e a cultura de Galicia.
Ademais da anterior edición desta convocatoria, da que se beneficiaron outros cinco profesionais da cultura, nos últimos trinta anos participaron en iniciativas da Comisión Fulbright outra decena de profesionais que supoñen un exemplo de excelencia académica, creativa e profesional como o artista Francisco Leiro, o pintor Din Matamoro ou a dramaturga Fefa Noia.
Cobertura
O orzamento total da convocatoria ascende a preto de 200.000€, dos que a Xunta de Galicia achega case o 75%. As bolsas estarán destinadas a gastos de viaxe, manutención do bolseiro, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias que poidan existir, así como gastos de xestión. Pola súa banda, a achega da Comisión Fulbright cubrirá os gastos de cobertura médica e de accidentes dos bolseiros durante a súa estancia no estranxeiro, entre outros.