O FETEGA vén de facer pública a convocatoria para participar no 33º Festival de Teatro Galego “Celso Parada”, que se celebrará no Carballiño durante a segunda semana de setembro de 2022. As obras deben desenvolverse en galego e estar producidas en Galicia, e valorarase especialmente que sexan estreas.
O prazo de aceptación de propostas está aberto ata o martes 15 de febreiro ás 20 horas, e teñen que facerse chegar a través do formulario electrónico de inscrición, onde se deberá describir a obra e achegar material de valoración. Distínguense 6 categorías:
- Teatro de sala para público adulto (Auditorio): Dirixida a compañías galegas con espectáculos teatrais para público adulto.
- Teatro de exterior para público familiar (Anfiteatro): Dirixida a compañías galegas con espectáculos teatrais de exterior para público familiar.
- Teatro de rúa para público familiar: Dirixida a compañías galegas con espectáculos teatrais e animación de rúa para público familiar.
- Teatro de sala para nenos: Dirixida a compañías galegas con espectáculos teatrais de interior para público infantil e bebés.
- Monólogos cómicos: Dirixida a elencos e artistas galegos con espectáculos de humor.
- Performance e pequenos formatos: Dirixida a elencos e artistas galegos con espectáculos de performance e pequenos formatos, para desenvolver en interior ou exterior.
O ano pasado presentáronse por segundo ano consecutivo máis de 100 espectáculos para formar parte do Festival do Teatro Galego, dos que foron elixidos oito.