O ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario é a primeira das propostas da programación especial que a Xunta de Galicia, en colaboración con distintas entidades nacionais e internacionais, vai impulsar este ano para conmemorar o centenario do nacemento da artista. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou o venres esta actividade, que permitirá “reflexionar desde o punto de vista académico e tamén persoal na fonda traxectoria de María Casares”. Neste sentido, referiuse ás achegas que ofrecerán os relatores “en moitos casos amigos e compañeiros da artista cos seus testemuños e experiencias”. Esta iniciativa supón o arranque dunha programación que pretende “divulgar o legado, promover a reflexión e incentivar a creatividade dos artistas a través dunha figura como María Casares, que deixou unha fonda pegada na nosa cultura”. O ciclo de conferencias desenvolverase desde o 9 de febreiro ata o 22 de novembro no Museo de Belas Artes da Coruña, con entrada de balde ata completar a cabida, ás 19.30 horas.
As primeiras conferencias serán este mércores, día 9 de febreiro. Correrán a cargo da actriz e codirectora da Maison María Casares de París Johanna Silberstein coa conferencia Nacer española e morrer francesa. Os dominios da Vergne na historia de María Casares, e o arquitecto Felipe Peña, que recibiu o encargo da rehabilitación da casa familiar dos Casares Quiroga na Coruña, coa conferencia Panaderas doce.
O 16 de marzo será a quenda da Anne Plantagenet, autora dunha quincena de libros, novelas, contos, relatos, biografías e unha trintena de traducións do español. O seu último libro, L’Unique, Maria Casarès, está dedicado á actriz galega e baseado na súa correspondencia amorosa con Albert Camus. Ese día tamén impartirá un relatorio o director teatral Lluís Pascual, un dos fundadores do Teatre Lliure de Barcelona e que estivo a cargo da súa dirección durante os anos 1998-2000 e 2011-2018.
En abril, o día 27, contarase coa participación da actriz Tina Sáinz, que comezou e desenvolveu boa parte da súa carreira profesional no teatro e foi grande amiga de María Casares, coa que interpretou El adefesio de Alberti en Madrid no ano 1976. Ese mesmo día tamén se ofrecerá a conferencia de José Luís Méndez Romeu, que fora concelleiro de Educación e Cultura na Coruña, secretario de Estado de Cooperación Territorial e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta.
O 11 de maio as conferencias serán impartidas por Josep María Flotats e Jorge Lavelli. Josep María Flotats é actor e director. Entre 1963 e 1983 residiu en París, onde desenvolveu un intenso labor teatral e ingresou en 1981 na Comédie Française, da que é Societaire desde 1982. Pola súa banda, Jorge Lavelli é director de teatro e de ópera. En 1964 dirixiu por primeira vez a María Casares en Divinas palabras de Valle-Inclán en Bos Aires e partir daquela converteríase no director fetiche da actriz.
As conferencias continuarán en outubro. En concreto, o día 19 será a quenda de María Lopo, doutora en Literatura Francesa, ensaísta e tradutora. Como especialista na figura de María Casares leva publicado unha decena de artigos nos que se ocupa da súa vida e da súa obra. Dedicoulle o texto teatral O meu nome é María Casares (2007), adaptado para a escena por Sarabela Teatro. A vida triunfante editou a correspondencia intercambiada co seu pai Santiago Casares Quiroga no libro Cartas no exilio (2008) e publicou a monografía sobre as súas conexións galegas, O tempo das mareas. María Casares e Galicia (2016).
Ese mesmo día tamén se contará con Pedro Soler, que se iniciou na arte flamenca da man dos andaluces exiliados da súa cidade natal. Ao longo da súa carreira acompañou a María Casares, Carmen Albéniz, Enrique Morente, Miguel Vargas, Carmen Linares, Atahualpa Yupanqui, Óscar Cáceres, Renaud García Fons, Beñat Achiary, Ravi Prasad, Raúl Barboza, Germaine Montero e Anne Alvaro, entre outros.
O ciclo rematará o 22 de novembro coas conferencias de Borja Ortiz de Gondra e María Delgado. O dramaturgo Borja Ortiz obtivo, entre outros premios, o Calderón de la Barca, o Lope de Vega e o Max á Mellor Autoría Teatral. As súas obras representáronse en Arxentina, España, Francia, México ou Romanía e na súa faceta de intérprete traballou en organismos internacionais e traduciu ao castelán literatura anglosaxoa e francesa. Pola súa banda, María Delgado é catedrática de Teatro e Cinema e vicerreitora en The Royal Central School of Speech and Drama da University of London. Como autora e coeditora é responsable dunha ducia de libros sendo unha das súas obras máis singulares Otro teatro español: supresión e inscripción en la escena española de los siglos XX y XXI, unha visión da historia do teatro español a través de seis artistas, entre os que figura María Casares.
Outras actividades
O ciclo de conferencias enmárcase na programación do centenario de María Casares que ofrecerá durante todo o ano actividades tanto en Galicia como fóra, a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes. Xunto á Xunta, a programación conta coa participación de diferentes entidades e institucións de distintos territorios, como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.
Entre as propostas para os vindeiros meses destacan tamén un proxecto en colaboración coa Embaixada de España en París e o Instituto Cervantes que incluirá unha mesa redonda, unha lectura escénica de fragmentos da actriz e unha mostra no Instituto de Cervantes de Marceau e Quentin Bauchart (Francia). En Madrid, en colaboración coa Biblioteca Nacional de España, haberá un ciclo de conferencias e charlas sobre a autora. En Galicia está prevista, entre outras, a posta en marcha de producións propias, coproducións e colaboracións con entidades galegas, nacionais e internacionais; un ciclo audiovisual na Filmoteca de Galicia e a edición de publicacións especiais, entre outras actividades.