A Xunta de Galicia vén de publicar as bases das novas edicións dos tres premios para textos teatrais que convoca con periodicidade bienal: o XXVI Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o XII Manuel María de literatura dramática infantil e o XV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas modalidades de público infantil e adulto, que suman unha dotación económica de 26 000 euros (8000 euros para o primeiro deles e 6000 euros para cada un do resto de galardóns e categorías). O prazo de participación está aberto dende hoxe ata o día 2 de maio, segundo recollen as bases publicadas onte no Diario Oficial de Galicia.
Ademais das devanditas contías económicas, as bases establecen a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén con diferentes editoriais galegas. Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que se deberá ter en conta “o principio de duración normal dun espectáculo teatral”. Así mesmo, para o Álvaro Cunqueiro e o Manuel María quedan excluídos os textos para teatro de monicreques. O ditame do xurado, que estará formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico, farase público antes do 10 de decembro de 2022 e para emitilo, terá en conta a calidade literaria e a calidade dramática, a viabilidade escénica, a adecuación a cada galardón e o coidado da lingua.
Na anterior edición, o premio Álvaro Cunqueiro recaeu na obra As desterradas, de Carme Varela, e o Barriga Verde nas modalidades para adultos e para rapaces foi, respectivamente, para Esther F. Carrodeguas por República Sideral e para Carlos Losada-Galiñáns por Pois eu!, mentres que o Manuel María foi declarado deserto.
Bases dos premios de textos teatrais da Agadic