in

O café de antes de seguir

Fotografía de Alisa Anton.
Fotografía de Alisa Anton.

Cómplice: (substantivo) Persoa que participa na realización dunha cousa, contribúe a ela ou non a revela, especialmente cando esa cousa constitúe delito.

É sabido pola xente que me coñece a miña inmensa afección a tomar café. Incluso tiven unha profesora que me dixo que eu era un home de café e que non pretendese ser outra cousa. Supoño que segue sendo así aínda que reducín a cantidade diaria porque me apetece morrer de vello e non por un cataclismo cafeínico.

Non pretendo descubrir nada. Sobre o café tense escrito moito e leva erguendo fascinación e interese dende sempre. Hai cancións, películas de culto e incluso filosofía popular en torno a esta bebida, que parece ir moi á par dos tempos apurados e vertixinosos dos que nos toca ser testemuña.

Non obstante, quería falarvos do café como elemento de calma, reflexión e tranquilidade. É dicir, o café como paréntese do día.

Como estudante de teatro sufrín o que, sen dúbida, podemos denominar como adición a este líquido. Moitas horas de traballo a un ritmo alto e pouco tempo para durmir foron as causantes. Non foron poucos os días de cinco ou máis durante varios anos.

A día de hoxe xa tomo menos, pero hai un que me gusta e gozo especialmente.

O contexto é un ensaio, pero serve tamén para outras actividades. Mais como aquí falamos do teatro, céntrome especificamente no café a media mañá dun día de ensaio.


Publicidade

É unha mesa con solciño de inverno. Aínda non hai nubes e pódese respirar aire limpo con deixe a mar. Aínda están os textos á vista, roupa na cadeira baleira e dous teatreiros abrigados.

O café invita a pensar en voz alta. A dicir o que se pensa sobre o que se acaba de probar, sobre o que se acaba de facer ou, tamén, sobre o que non se fixo, non se dixo ou non se probou.

É necesario soltar esas ideas. Cruzalas. O teatro, que é xogo en equipo, necesita sincronizar as pezas para que poidan bailar xuntas. E a danza comeza na mesa do café. Cando un di e outro responde, devolve ou contragolpea. É necesario.

Non é roce, non é debate, é entender. Entendernos e atoparnos na vida real, fóra das pantallas é unha esencia innegociable. E aí o café é o xefe. O café encamiña porque, entre sorbo e sorbo, a complicidade aparece nas miradas, nos xestos e nos berros de cando o común aparece.

Entón nós, que somos moi artistas, sabemos o que acaba de pasar. Sabemos que os descubrimentos da mesa do café son un soporte fundamental para o que vai suceder.

Hai máis lugares: o vermú de antes de comer, a caña do bar ou as conversas pola noite en voz baixa, mentres a xente dorme. Un longo etc. Gústanme todos, pero quédome co café de antes de seguir.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Dende o ano 2019 presenta o podcast Procastination e é un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Congreso Teatro Galego

O que ten orixes

front view books with glasses |

A Agadic convoca unha nova edición dos premios Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde de textos teatrais