in

O que ten orixes

Congreso Teatro Galego

Os manuais de técnicas de expresión escrita aconsellan comezar un artigo de opinión cunha cita. O recurso á auctoritas lubrica o tema a introducir e fai pasar o discurso por algo máis xeral que particular, como quen di: “Ves? Non o digo eu: puxérono na tele”.

Eu quero comezar esta opinión cunha cita que nunca escoitei na tele (se acaso algunha vez no Zig Zag, como moito): “Orixinal é o que ten orixes”.

A primeira vez que a escoitei vinlla atribuída a Isaac Díaz Pardo. O seu labor (xunto con Luís Seoane) de recuperación do Laboratorio de Formas de Galicia e da fábrica de cerámicas de Sargadelos representa moi ben o espírito que pretendo transmitir.

Nos anos 90, o PSdG de Xerardo Estévez na Alcaldía de Santiago de Compostela e o PPdG de Manuel Fraga na Presidencia da Xunta de Galicia insistían moito naquela idea da suma entre tradición e modernidade, unha especie de mantra que o programa Desde Galicia para el mundo e as reportaxes guionizadas estilo Alfredo Conde se encargaron de converter en slogan, pero que eu nunca acabei de ver con convicción, sobre todo cando as imaxes que o exemplificaban eran as do CGAC ao lado do Museo do Pobo Galego e as da marquesiña xigante da Avenida Xoán XXIII ao lado da Igrexa de San Francisco. Nin suma, nin fusión, nin gaitas: mera xustaposición a agredir con violencia o patrimonio.

Na miña cabeza esta cita sempre vai enguedellada con outra: “Somos ananos a lombos de xigantes”. Esta está atribuída, que eu saiba, a Umberto Eco, pero en todo caso é moi utilizada nos slideshares que acostumo aproveitar para as miñas clases de Introdución á Investigación Escénica. Fantástica metáfora, na que David O Gnomo salta sobre o cabalete dunha das xigantas das festas da Ascensión de Santiago. David é unha persoa (unha investigadora, unha creadora escénica, unha educadora social, unha música,…) do ano 2022. A xiganta é todo o que se fixo antes.

Alén do trending topic, o fenómeno das Tanxugueiras pode cubrir moitas das oportunidades dunha DAFO sobre a cultura galega. Sabemos que as nosas debilidades teñen que ver co acceso aos medios e co autoodio antropolóxico; podemos enxergar por que camiños de ferro nos van vir as ameazas; o novo statu quo sociolóxico parece querer convencernos definitivamente de que todo aquilo que nos pertence, o que nos configura como cultura propia, como nación e mesmo como Comunidade Autónoma, ou sexa, o que somos, é a meirande das nosas fortalezas. Lonxe de arengas esencialistas que reduzan a reivindicación identitaria a unha loita política partidista, a sociedade está a responder de xeito masivo, interclasista e interxeracional con verdadeiro orgullo propio ante o recoñecemento que desde fóra se lle dá a nosa tradición. A iso de que teñan que vir de fóra a dicirnos que o que nós pensamos que non vale nada vale moito xa deberíamos de estar acostumadas e non hai que facerlle, pero poderíamos aproveitar este tirón, coller a onda antes de que morra de resaca e nadar a favor, porque se de algo non hai dúbida é de que a sociedade galega está a regalarlle os ollos en completísimo directo á súa propia tradición musical.

A reflexión que cabe facerse é por que non o fixo antes. A resposta parece estar relacionada co envoltorio electrónico que se lle ofrece á actualidade como un produto máis atractivo e apetecible. Mercedes Peón xa o fixera moito antes, pero a súa fusión era tan radical e experimental que colidía co consumo masivo (en termos de Bourdieu, a música de Mercedes Peón sería un ‘produto de consumo restrinxido’). Igual ten razón Freixanes, o Presidente da Real Academia Galega, cando di (na entrevista publicada no número de febreiro da revista Tinta Libre) que o pobo galego está máis vivo do que parece e quérese a si mesmo máis do que parece, pero “o que pasa é que emitimos noutra frecuencia” (Tinta Libre, nº99, p. 25). Ou sexa, que as galegas nos sentimos galegas, pero ao noso xeito, e hai que saber cal é ese xeito que necesita a sociedade galega para conectar cos discursos culturais, artísticos e políticos que se lle ofertan.


Publicidade

No teatro galego tamén temos unha historia. No teatro galego tamén temos unha tradición. Se nos centramos no teatro profesional das clases medias, a do teatro profesional galego que naceu ao acubillo das mostras de Abrente en Ribadavia nos anos 70 é unha tradición tan recente que unha boa parte dos nomes que protagonizaron aquel rexurdimento aínda poden falar en primeira persoa. Pero da nosa tradición teatral… Quen se encarga? Quen a coida? Onde se conserva? No Consello da Cultura Galega? Na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura? Nos corredores da ESADdG? Nas páxinas da erregueté? Onde? Nas ruínas do inxustamente desmantelado e nunca suficientemente reivindicado Centro de Documentación Teatral? Nunha pequena sala do Salón Teatro da Rúa Nova?

Quen se encarga de engraxar a correa de transmisión? Que podemos facer para que este descubrimento, esta anagnórise, este sorriso co que o país se mira no espello, contribúa tamén a dignificar e difundir a nosa propia tradición teatral?

Na primeira xornada do I Congreso Internacional do Teatro Galego (do cal acaban de saír publicadas as actas para consulta gratuíta na web do Consello da Cultura Galega) un dos temas nos que máis se enlearon as persoas intervintes foi o da desconexión entre o alumnado saído das aulas da ESADdG e o resto da profesión teatral galega. É unha das teimas que máis lles preocuparon e preocupan tanto a certos sectores do claustro como a certos sectores da profesión, e mesmo ten habido algunhas iniciativas que contribuíron á inclusión das novas camadas no tecido do teatro galego pre-existente. A maioría dos esforzos centráronse en responder de maneira efectiva a unha pregunta: Que facemos para que o alumnado que sae da escola se relacione coa profesión teatral?

Se cadra unha boa parte da solución pasaría por considerarmos o concepto de tradición non como cantilena rancia e esencialista, senón como base imprescindible para a creación dun futuro consciente, como un trampolín cara a orixinalidade, como esa xiganta que nos eleve para poder asaltar os ceos do éxito, dun éxito duradeiro que se enraíce forte no recoñecemento do público, na demanda orgánica (non forzada ou institucional, senón espontánea) da sociedade galega no seu conxunto.

Se cadra, outra boa parte da solución pasaría, polo tanto, por reformular a pregunta e pensarmos non en como conectarmos as vellas xeracións coas novas cando estas saen da escola, senón cando entran.

Roi Vidal Ponte

Roi Vidal Ponte

(Santiago de Compostela, 1982). Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e egresado en Dirección de Escena pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Docente, investigador, director de escena e escritor. Como dramaturgo gañou o XII Premio Abrente con 'Poesía. Instrucións para montar unha escena de cama' (2017) e o XII Premio Barriga Verde con 'Marcha fúnebre para un monicreque' (2017); foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales co texto 'O asasinato de Zinaida Reich' (2016) e participou no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG con 'Boisaca ou a divina desgraza', que foi unha das obras elixidas para formar parte do espectáculo 'Neorretranca e posmorriña' (2019). Exerceu a crítica teatral no Faro de Vigo e na erregueté. É membro co-fundador de DramaturGa (Asociación de Dramaturxia de Galicia) e da sección teatral O Galiñeiro, do xornal Praza Pública. Na actualidade
forma parte do Consello de Redacción da erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ragazzo 555x312 03 |

A Sala Ártika acolle a estrea de ‘Ragazzo’, da nova compañía Barrosanta

Fotografía de Alisa Anton.

O café de antes de seguir