in

Ultimamente non vou moito ao teatro

teatropano |

Ultimamente non vou moito ao teatro. Non teño tempo. E o pouco tempo que teño debo dedicalo a preparar clases de teoría do teatro e facer listaxes da compra, e coa inflación a disparar os prezos e o desprezo actual a pararmos a pensar antes da acción ningunha destas dúas actividades resulta fácil. E iso que só consisten en planificar, que despois aínda hai que dar a clase e encher o carriño de comida e produtos de limpeza. Avaliar, ordenar a neveira, actualizar a aula virtual, conxelar as sobras, atender ao alumnado en titorías e contar os contos de antes de durmir. Coidados. Prioridades. O teatro, ir a el, non é unha delas.

O pasado 25 de marzo de 2022 foi o Día Internacional do Teatro e eu celebreino lendo escritos vellos sobre ideas antigas: Lessing, Schiller, Diderot. Despois tivemos festa na ESAD e puiden ver un pouco de teatro nas actuacións preparadas para conmemorar a efeméride, e aínda que algo é algo, non é o mesmo. O teatro hai que ir velo aos teatros. Con todo, na ESAD tivemos exemplos ben chulos. Mesmo os discursos institucionais non deixaban de ser teatro, pois tanto María Roja, que leu o manifesto escrito polo alumnado da ESAD (cunha mención especial para a mobilización contra o acoso de #unsegredoavoces), como Inma Antonio, presidenta da Academia Galega do Teatro, como Abel Caballero, demostraron con creces o seu dominio escénico, dramatúrxico e vocal.

Ultimamente non vou moito ao teatro, non tanto como querería, pero o teatro vén a min. Vén a min porque eu penso nel. Penso moito nel. Penso tanto nel que o vexo. A verdade é que ver si que vexo algo de teatro. Incluso podería escribir que ultimamente vexo moito teatro, pero non nos teatros, porque para ver teatro non é imprescindible pagar unha entrada, estacionar o coche, saír con tempo, escoller o abrigo e atar os amallós. Chega con pechar os ollos. Ou con abrilos moito e ver teatro en todas partes, que é o que me pasa a min. Vexo teatro nos xogos diarios da miña filla de cinco anos cos seus bonecos-personaxes, dramaturga espontánea, teimuda improvisadora, meticulosa da posta en escena, famenta de accións, pasota de aplausos. Vexo teatro nos argumentos dos debuxos animados, libérrimos ás veces e aristotélicos case sempre, con fórmulas neoclásicas e respecto absoluto pola unidade de acción, algo menos pola de tempo, e case ningún pola de lugar. Vexo teatro nos bailes desvergonzados do meu fillo de dous anos, performer repentino, cantareiro perpetuo, dicionario visual da antropoloxía do xesto, clown que desvela o segredo do humor en cada desafine do seu alalá vitalista.

Podería escribir isto e despois arrepentiríame: Que estou dicindo? Que insinúo? Seica a xente que fai teatro non ten dereito a facer bolos, non ten dereito ao aplauso, a tose, o móbil sen apagar, os erros, os bucles, o medo escénico, os nervios de antes da función, o ingreso de cartos na conta bancaria? Quen son eu? Quen son se digo todo serio teorías de outras persoas e non podo facer as miñas porque case non teño experiencia empírica daquilo sobre o que falo?

Que celebramos exactamente cando celebramos o Día Internacional do Teatro? Cada ano recibimos, lemos, escoitamos e aplaudimos case con inercia manifestos varios que dunha forma ou outra case sempre din o mesmo e case sempre da mesma maneira entre difusa e pseudoprovocativa, sempre con sentencias que parecen especificamente deseñadas para ser citadas en revisións académicas posteriores, e que normalmente comezan cunha estrutura clásica, autoritaria e agresiva propia, tamén é verdade, dos mellores manifestos e a máis requintada literatura panfletaria: O teatro é… O teatro serve para… Nós, as xentes do teatro somos… E moitos puntos suspensivos.


Publicidade

Eu non vou pegar aquí un manifesto que ninguén me pediu, pero podo probar a ver que pasa, non?

O teatro é o teatro. Que celebramos cando celebramos o teatro? Celebramos o teatro. Por que? Porque si. O teatro está en crise? Non máis que o resto das cousas. E o teatro galego existe? Si. E sempre o será. Podería estar mellor? Como todo. Estou capacitado para gozar dunha función de teatro infantil? E o teatro para bebés, é ou non é teatro? E o teatro é teatro ou Teatro? Que podemos facer para axudar ao teatro? Pensar nel. Pensar sobre el. Pensar con el. Pero ir por ir, se ir é inocuo e superfluo e banal, é tontería. Que se hai que ir vaise. Que vaia quen poida e quen puidese ir máis! Pero ler como Lessing só asistía aos primeiros quince minutos de cada representación do teatro de Hamburgo que o contratara como asesor e crítico literario e logo ía tomar algo ao ambigú; ler como Diderot tapaba os oídos no teatro para escoitar cos ollos e así escoitar mellor, descubrindo así que o cerne verdadeiro das artes escénicas é o corpo e non a palabra; ler as enxeñosos e fascinantes conexións que nos regala Jaume Melendres no seu monumental libro La teoría dramática. Un viaje a través del pensamiento teatral (ADE, 2021)… Ai, isto ninguén me poderá negar que é un placebo delicioso para quitar o mono de butacas, timbres e panos e mesmo dese pequeno ruído eléctrico que fan os focos cando comezan a encender. Ler sobre teatro, pensar nel, é diferente a ir ao teatro. Non é percibilo, recibilo, aprecialo ou gozalo. É estar nel, habitalo. Pero existe o teatro como idea, como abstracción, máis alá das representación concretas, corpóreas, que teñen lugar nun tempo e nun espazo determinados? Existe, existe, abofé que si. E menos mal. Senón que ía ser de min.

Existe. Abofé que existe. O teatro como idea. O teatro como soño. Ou como pesadelo. A posibilidade do teatro. O teatro como proxecto. O teatro como utopía. O teatro como promesa. O teatro como amante. O teatro como cita furtiva de Tinder. O teatro como vicio. O teatro como obscenidade. O teatro imposible. O teatro como tabú. O teatro como futuro. O teatro como esperanza. O teatro como horizonte. O teatro como sentido da vida. O teatro como casa.

Roi Vidal Ponte

Roi Vidal Ponte

(Santiago de Compostela, 1982). Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e egresado en Dirección de Escena pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Docente, investigador, director de escena e escritor. Como dramaturgo gañou o XII Premio Abrente con 'Poesía. Instrucións para montar unha escena de cama' (2017) e o XII Premio Barriga Verde con 'Marcha fúnebre para un monicreque' (2017); foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales co texto 'O asasinato de Zinaida Reich' (2016) e participou no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG con 'Boisaca ou a divina desgraza', que foi unha das obras elixidas para formar parte do espectáculo 'Neorretranca e posmorriña' (2019). Exerceu a crítica teatral no Faro de Vigo e na erregueté. É membro co-fundador de DramaturGa (Asociación de Dramaturxia de Galicia) e da sección teatral O Galiñeiro, do xornal Praza Pública. Na actualidade
forma parte do Consello de Redacción da erregueté.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

GLOVO |

O Colectivo Glovo presenta ‘Tabú’ no Teatro Ensalle

King Lear Banishing Cordelia, c. 1784-1790, Johann Heinrich Füssli, Toronto, Art Gallery of Ontario.

Mudarmos o panorama