in ,

DramaturGA presenta o libro ‘Cartoturxia incompleta da represión’ en Santiago e Vigo

Cartoturxia incompleta da represión
Detalle da portada de 'Cartoturxia incompleta da represión'

A Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGA, vén de publicar en Ediciones Invasoras o seu último libro, DramaturGA 21: Cartoturxia incompleta da represión, que inclúe textos de Ana Abad de Larriva, Marcos Abalde, Afonso Becerra de Becerreá, Raquel Castro, Carlos Labraña e Julio Fernández Peláez, arredor da represión franquista en Galicia.

Santiago de Compostela e Vigo acollerán esta semana as primeiras presentacións do volume. A presentación en Santiago de Compostela será na Libraría Pedreira hoxe, mércores 6, ás 20.00 horas e contará coa presenza do Antom Labranha, de A.C. Memoria Histórica Democrática, e incluirá a lectura dramatizada do texto “O aviador inmóbil”, de Julio Fernández, a cargo de Fura Fura Teatro.

A presentación en Vigo será mañá, xoves, día 7, ás 20.00 horas, na Libraría Cartabón, e será presentada polo xornalista Manrique Fernández, coa intervención de Ana Abad de Larriva, Raquel Castro, Afonso Becerra e Julio Fernández.

Segundo Julio Fernández, coordinador do proxecto xunto a Ana Abad de Larriva, a idea inicial pola que xurdiu este libro foi a de “facer un mapa dramatúrxico a través do cal se puidese viaxar polos espazos de represión en Galicia nos primeiros anos após o Alzamiento, uns anos terriblemente cruentos e nos que o franquismo pode exercer sen apenas impedimentos o poder absoluto e a represión en cárceres e campos de concentración (convertidos a partir de 1939 en Batallones de Trabajadores)”.


Publicidade

A cartoturxia, neoloxismo inventado para a ocasión, permite unha dobre función: por unha banda a lectura do texto nun contexto xeográfico e histórico moi determinado e por outra o percorrido dunha a outra dramaturxia a través dun mapa-libro, cunha eventual posta en escena nos lugares aludidos, situados en Vigo, Ferrol, Lugo, Salvaterra de Miño, Cedeira e Santiago de Compostela.

Este primeiro volume é unha cartoturxia incompleta, pois son moitos os lugares onde en Galicia se exercitou a represión e só un puñado de dramaturgos e dramaturgas para rememorala, pero é un proxecto que está aberto para seguir completándose e nutríndose co achegamento dramatúrxico a outros espazos, para recuperar tamén a súa memoria.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

275252163 10160160139383322 2923845971210508936 n 2 |

O CDG estrea a súa nova produción, ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’, de AveLina Pérez

Marta Pazos

Marta Pazos volve á ópera dirixindo ‘Alexina B’ no Liceu de Barcelona