Un total de 30 espectáculos e máis de 320 profesionais concorren aos XXVI Premios de Teatro María Casares galardóns organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). O proceso de inscrición finalizou o pasado 10 de marzo rexistrando a participación dun total de 30 montaxes e 327 candidaturas de profesionais que se postulan para as catorce categorías nas que se dividen os premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil.
Tras a fase de inscrición, a AAAG iniciou xa a primeira rolda de votacións, aberta ata o 18 de abril a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Dese xeito, ademais do corpo asociativo da AAAG, poderán votar responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e as persoas finalistas en edicións anteriores. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das catorce categorías, que se darán a coñecer a finais do abril na tradicional Festa de Finalistas.
Os Premios de Teatro María Casares son o gran escaparate do teatro galego, así como a gran festa para toda a profesión teatral. Este ano, a entrega celebrarase o vindeiro 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro. Ese día entregarase ademais o Premio de Honra Marisa Soto, que se lle concede cada ano como homenaxe a unha persoa ou a unha entidade, e lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro, que neste 2022 redactou o actor Fernando Dacosta.