Baixo a dirección e creación de Carmen Cotelo, e con Alba Fernández, Miguel González e a propia Carmen Cotelo na interpretación, a cía Laboratorio Escénico estrea o próximo 17 de abril no Teatro Colón da Coruña o espectáculo As Mapoulas. Mulleres Libres de Montealto/As Atochas. Casas Refuxio, gañador do Premio Luisa Villalta 2021 a proxectos pola Igualdade.
Trátase dun proxecto multidisciplinar que mestura a dramaturxia teatral, a danza, a música, a poesía e o audiovisual para rescatar da memoria a historia de loita, compromiso e militancia das casas refuxio e as mulleres libertarias que no seu día habitaron o popular barrio coruñés de Montealto/As Atochas.
En palabras da propia compañía: “A obra céntrase na figura histórica de Alicia Dorado, panadeira anarquista de 25 anos, e na súa casa refuxio sita na rúa do Carme nº6, na cidade da Coruña. En primeira persoa, fálanos do amor, da vida das casas refuxio, da militancia, do compromiso, das relacións coas outras compañeiras, do barrio e da liberdade, nun contexto de gran represión que remata o 10 de xullo de 1937 coa súa morte e a de compañeiras e compañeiros nun asalto policial.”
A obra viaxa desde a ficción dun caso particular (baseado nun feito histórico) para trasladar valores colectivos, reivindicando a importancia histórica que tiveron as casas refuxio para a protección e mantemento da resistencia fronte á ditadura franquista. É unha homenaxe ás persoas que alí foron represaliadas e mortas a mans das tropas franquistas. Pero tamén, trasladado o relato aos nosos días, é unha posta en valor do barrio como espazo de convivencia e coidado, e da forza e importancia das mulleres nesas tarefas colectivas.
O título fai referencia á papoula: flor vermella, delicada, que despois da guerra mundial se converteu e en símbolo da memoria das persoas mortas e desaparecidas e da reconciliación co nome de “mapoula da memoria”.
Este proxecto, iniciado anos atrás a través da participación da autora en diversos encontros e actos de memoria histórica, pasou logo por un longo proceso colectivo de documentación e recollida de material. O equipo artístico (alén das persoas xa nomeadas) completouse coa participación de Iván Doval e Miguel González na creación musical e Laura Sánchez e Tono Galán (manchea) na escenografía e audiovisuais, con Helga Méndez como axudante de dirección e guión. Foi premiado co Premio Luisa Villalta 2021, de proxectos para a igualdade da Deputación da Coruña e obtivo tamén unha das ‘Axudas á creación para artistas individuais’ do Concello da Coruña no 2020.