in ,

Profesións e afeccións

Valentín Varela e colegas do teatro amador no obradoiro de Creación escénica e dramaturxia. I Xornada Formativa do Teatro Amador Galego da FETEAGAL
Valentín Varela e colegas do teatro amador no obradoiro de Creación escénica e dramaturxia. I Xornada Formativa do Teatro Amador Galego da FETEAGAL

Teimo en pensar que as profesións son algo máis ca un traballo para ganarse a vida.

Se temos a sorte de que a profesión sexa a nosa vocación, entón xa temos moito ganado.

Gústenos máis ou menos, a profesión, calquera que sexa, vai ocupar unha boa parte da noso tempo vital.

Teimo en pensar que a profesión que exercemos acaba por incorporarse e integrarse, dalgún xeito, á nosa personalidade. Dentro dos trazos distintivos individualizadores socioculturais está a profesión. Malia que poida semellar un trazo caracterolóxico común a todas as persoas dese gremio, a súa interxección con outros trazos físicos, biolóxicos, psicolóxicos e culturais, acaba por singularizar unha identidade individual.

Teimo en pensar que as actrices e actores, por exemplo, pertencen a un sector profesional que, dalgún modo, forxa un carácter especial. Unha personalidade relacionada coa empatía, coa capacidade de poñerse nos zapatos dos demais, coa resiliencia e a resistencia. Un modo de ser derivado da loita por vivir do seu traballo, pouco valorado polo xeral, a non ser que sexan protagonistas de series de ficción ou películas de éxito. Penso nas actrices e nos actores das pequenas compañías de teatro, das que non son famosas, das que actúan en salas pequenas.

A profesión de actriz e actor, ademais, implica moita coraxe para expoñerse ante un público, para presentarse a castings e tirar para adiante aínda que non sexan as seleccionadas. Coraxe para asumir o ridículo, o fracaso, o erro… circunstancias connaturais aos ensaios e á investigación práctica nas artes vivas, onde é tan importante arriscarse a probar, a experimentar, a errar. Coraxe para traballar desde a vulnerabilidade e a nudez, porque o escenario íspenos e porque a interpretación é un labor máis de observación, porosidade e escoita, que de impoñer. E ao mesmo tempo, unha insubornable convicción, así como unha capacidade de acción e reacción áxil, dinámica e atractiva. Porque toda actriz, todo actor, sabe enfeitizar e seducir e posúe a arte da elocuencia non só no xeito de falar, senón tamén de mirar, xesticular, moverse, expresarse, captar a atención.

Nestes últimos tempos podemos comprobar como un ex-actor, Volodímir Zelenski, presidente de Ucraína, fai gala de algunhas destas características de maneira brillante.

Nesa mesma órbita está Ajmed Zakayev, segundo a prensa, o rebelde checheno máis odiado polo presidente ruso Vladimir Putin, que vive exiliado tras deixar a súa carreira como actor, para alzarse en armas contra Moscova e rematar sendo o primeiro ministro da república non recoñecida de Chechenia. Porén, Putin non profesou de actor, nin ten a sensibilidade que outorgan as artes vivas. Putin foi tenente coronel da KGB e iso imprime outro carácter e algo máis que prefiro non pensar.

Incluso as persoas do teatro amador comparten trazos caracterolóxicos coas profesionais da escena. Quizais porque a nosa dedicación do tempo libre, cando é unha paixón, tamén acaba por incorporarse ao que somos.

Esta pasada fin de semana santa, do 14 ao 17 de abril, fun convidado ás I Xornadas Formativas do Teatro Amador Galego, organizadas por FETEAGAL (Federación de Teatro Amador Galego), coa axuda da Deputación de Ourense. Foron inauguradas pola actriz e activista feminista Mariana Carballal, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, e celebradas no Multiusos de Cea, na Casa da Cultura de Vilamarín e no Liceo de Ourense, con obradoiros impartidos pola actriz Rosa Puga (Interpretación), o actor Miguel Canalejo (Improvisación) e por min (Creación escénica e dramaturxia). Unhas xornadas que se complementaron coa experiencia culinaria, monumental e paisaxística da zona.

Fascinoume comprobar o seguinte: á marxe das idades diversas e tamén das profesións, as actrices e actores de teatro amador de Galiza e de Asturies, de onde acudiu unha nutrida comitiva, teñen algo importante en común. Hai nelas unha sensibilidade especial, ganas de compartir, atrevemento e unha vontade por estar máis vivas, por ser felices, por facer o que lles gusta. Hai quen se empeña en conseguir poder ou diñeiro e hai quen se empeña en facer o que lle gusta e en dar gusto aos demais, e iso creo que marca unha diferenza substancial.

Entre os participantes encontreime con Valentín Varela (Oza dos Ríos, 1948), un xubilado que foi torneiro, primeiro para a fábrica Barreiros da Coruña, con 18 anos, e despois, entre 1961 e 1967 para a Citröen en Francia. No Departamento 28, en Eure-et-Loir, Valentín foi actor do Grupo Artístico Reflejos de España, que estaba integrado por obreiros, sobre todo albaneis e metalúrxicos, e algúns exiliados. O grupo estaba comandado polo granadino Antonio Cañete Rodríguez, un ebanista do partido anarquista, que xa estivera preso nun campo de concentración fascista en España, tanto el como a súa muller, ela morrera alí.

O Grupo Artístico Reflejos de España pertencía ás Xuventudes Libertarias de Francia, un partido anarquista. Representaban pezas teatrais, como La barca sin pescador de Alejandro Casona, Tierra roja de Alfonso Sastre, e escenificaban poemas como “Pena negra” e “La casada infiel” de Federico García Lorca, “La desesperación” de José de Espronceda. Tamén representaran unha obra titulada La muerte de García Lorca, onde Valentín interpretara o dramaturgo e poeta granadino. Valentín lémbrase, con risa, do día no que Antonio Cañete tivo que substituír ao actor que facía de Garda Civil e como, despois de insultar e ameazar ao seu personaxe, a Lorca, lle daba unha hostia que, ese día non foi de ficción. O director era un tal Arrufat e tamén viñan, ás veces, actores exiliados que lles axudaban con algunhas indicacións. Coas funcións que facían en teatros municipais do Distrito 28, Eure-et-Loir, como Chartres, incluso nos locais dos Bombeiros de Dreux, en Ébreux na Normandía, en Tréville no Languedoc-Rosellón, recadaban diñeiro para enviar a España, para os xuízos e para axudar ás persoas que estaban sendo represaliadas polo réxime franquista.

Valentín Varela volveu para Galiza hai anos, establecida xa a democracia. En 2020 fundou, xunto a David Vázquez, o rapaz que é presidente da FETEAGAL, o grupo de teatro amador ESTETA de Taboadela (Ourense) e, ademais, tamén participa noutros dous grupos.

Malia a un ictus que, hai uns doce anos, o obrigou a recuperar a fala e a motricidade perdidas, e a outros problemas de saúde, o Valentín é un home afable, animado e alegre, cunha capacidade de xogo envexable e contaxiosa.

Entre as participantes de Asturies tamén estaba Maruja Zapico García, do grupo Selena Teatro de Soto del Barco, unha muller que anda cerca dos oitenta anos e que leva dúas próteses nos xeonllos, outro exemplo encomiable de conxunción entre vitalismo, espírito lúdico, sensibilidade e capacidade de superación.

Sen dúbida, a profesión de actriz ou actor, e a paixón polo xogo escénico, que compartimos coas persoas que integran grupos de teatro amador, forxa seres humanos especiais.

Maruja Zapico e colegas do teatro amador no obradoiro de Creación escénica e dramaturxia. I Xornada Formativa do Teatro Amador Galego da FETEAGAL
Maruja Zapico e colegas do teatro amador no obradoiro de Creación escénica e dramaturxia. I Xornada Formativa do Teatro Amador Galego da FETEAGAL
Afonso Becerra
Latest posts by Afonso Becerra (see all)

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto en 2024 e 2026, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

As mapoulas de laboratorio escenico

Laboratorio Escénico recorda as casas refuxio e as mulleres libertarias en ‘As Mapoulas’

Ensaio sobre o lonxe

As voces das árbores: palabra e ecoloxía na obra dramática de Julio Fernández