in

Calixto Bieito chega á Coruña cun Shakespeare e con José María Pou como protagonista

Calixto Bieito ERRESUMA KINGDOM REINO
Imaxe de E. Moreno Esquibel

A produción do Teatro Arriaga Erresuma/ Kingdom/Reino ofrecerá dúas únicas funcións no Teatro Rosalía da Coruña. Será os días 22 e 23 de abril, ás 20:30 horas.

Erresuma/ Kingdom/Reino é un espectáculo baseado nas principais traxedias de William Shakespeare con versión, dirección e espazo escénico do director de escena e director artístico do Teatro Arriaga Calixto Bieito.

Esta montaxe teatral está protagonizada por José María Pou, Joseba Apaolaza, Lucía Astigarraga, Ylenia Baglietto, Ainhoa Etxebarria, Miren Gaztañaga, Iñaki Maruri, Koldo Olabarri, Lander Otaola, Eneko Sagardoy e Mitxel Santamarina. Esta é a terceira vez que Pou, na súa extensa e dilatada carreira como actor, traballa textos de Shakespeare, e as tres veces foron baixo a dirección de Bieito.

Erresuma/ Kingdom/Reino é un proxecto teatral producido polo Teatro Arriaga, co apoio como coprodutores do Teatro Español, de Madrid; o Teatro Principal Antzokia, de Vitoria-Gasteiz; o Teatro Vitoria Eugenia, de Donostia-San Sebastián; e Muxikebarri, de Getxo. Tras a súa estrea en Bilbao o pasado mes de febreiro, a obra emprendeu unha xira que xa pasou por Pamplona e Madrid, e agora chega ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña.


Publicidade

Erresuma/ Kingdom/Reino preséntase como unha proposta teatral moi poderosa estética e visualmente, cuxo foco central son os grandes personaxes das traxedias de Shakespeare, coas súas fortalezas e debilidades. O carácter deses personaxes fai que as interpretacións destaquen polo seu contraste e intensidade.

Calixto Bieito opta por unha adaptación que sintetiza as traxedias de William Shakespeare e aposta por manter a esencia, o básico na obra do autor inglés: a súa linguaxe, a súa violencia e a súa poesía. A montaxe transmite unha poesía contemporánea, desde unha formulación escénica moi actual, que se achega mesmo ao que puidese ser unha instalación. Desa forma permítese aos intérpretes construír os seus personaxes dunha maneira moi libre e intuitiva.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Kingdom Calixto Bieito

A produción do Teatro Arriaga ‘Erresuma/Kingdom/Reino’, dirixida por Calixto Bieito, chega a Galicia

Alleo colectivo glovo

Colectivo Glovo celebra o Día da Danza estreando ‘Alleo’