in

Peter Brook n’O espazo baleiro

Peter Brook
Foto de Peter Brook no andel de libros de Manuel F. Vieites.

Domingo, 3 de xullo. Amence anubrado e a ría de Vigo muda a un gris lousa. Espertei tarde porque onte tamén me deitei tarde. Fun ver O porco de pé, a divertida e poderosa adaptación teatral que fixo Quico Cadaval do texto do petrucio literario Vicente Risco. Un espectáculo que parece seguir o manual Pequeno Órganon de Bertolt Brecht (traducido e publicado na RGT Nº19 de 1998). Foi na 39 MITCF de Cangas do Morrazo.

Chove, como adoita chover no verán, de xeito tormentoso. Chégame un Whatsapp do estimado Manuel Vieites cunha foto dunha rosa rosa moi cumprida. Unha rosa das roseiras que cultiva Manuel na horta da súa casa. No pé da imaxe escribe “Unha rosa para Brook”. Fico contento de recibir as mensaxes de Vieites. Respóndolle cuns versos das Claves líricas de Valle-Inclán, sobre a “Rosa Métrica do Sol!”. Fico tamén intrigado co pé de foto. Lembro a foto que tiña Vieites con Brook no despacho de dirección da ESAD. Penso que era dunha entrevista que lle fixo en 1998, cando o mestre británico presentou en Compostela Je suis un phenomène e Oh les beaux jours de Samuel Beckett. Espectáculos que eu tamén puiden ver, aquel mesmo ano, en Barcelona. Pouco despois, outros colegas da ESAD e da erregueté envían mensaxes coa noticia xornalística sobre a morte, hoxe, de Peter Brook.

Diante do computador no que escribo hai case un estante enteiro cheo de libros de Peter Brook e sobre Peter Brook e a súa extensa carreira artística. Nace en Londres en 1925, foi director da Royal Opera House e da Royal Shakespeare Company, trasladouse a Francia onde fundou, en París, o teatro Bouffes du Nord e percorreu o mundo enteiro, nun réxime moi distinto ao do turismo. Quizais desas inmersións viaxeiras sae o seu contacto coas ensinanzas de Gurdjieff, que tamén se conectan notablemente con Grotowski, ou o mítico Mahabharata a mediados dos oitenta.

A miña aprendizaxe teatral, igual ca de moitas persoas da miña xeración e de xeracións anteriores e posteriores, está marcada polas reflexións e ensinanzas que publicou Peter Brook nos seus libros, pero tamén pola experiencia fornecida polos seus espectáculos. Na miña época de estudos e traballo en Barcelona, desde 1996 até 2006 e nas visitas posteriores, case cada ano traían algunha das creacións de Peter Brook, dentro da programación do festival GREC, da do Centre Dramàtic da Generalitat, sito no Teatre Romea e logo convertido por Josep Maria Flotats no Teatre Nacional de Catalunya. Tamén no Mercat del les Flors, na época de Joan Maria Gual, quen, a finais dos oitenta, inaugurara o edificio do Mercat de les Flors, naqueles almacéns municipais, para albergar o Mahabharata de Brook, con Maria Aurèlia Capmany como concelleira de cultura do Ajuntament de Barcelona. Lugar onde tamén trouxo o teatro de Tadeusz Kantor e de Ariane Mnouchkine.

Logo tamén, no Porto, no Teatro Carlos Alberto do Teatro Nacional São João, lembro a súa versión da ópera A frauta máxica de Mozart, en 2011, cando a súa concepción teatral comezaba a ser aínda máis depurada e aparentemente sinxela do que xa o tiña sido anteriormente. En 2008, fomos o Dani Salgado, o Alberte Bello e eu até Salamanca, ao Festival Internacional de las Artes de Castilla y León, ver Warum Warum. Un dúo entre a actriz Miriam Goldschmidt e o músico Francesco Agnello, no que a actriz parecía unha muller con súper poderes, da que saían voces e xesticulacións inesperadas, como se estivese posuída por algo máis ca personaxes teatrais. Aquel xa fora un traballo escénico que semellaba estar baseado no menos é máis e que, non obstante, igual ca outros nesa onda, posuía unha rotundidade e unha maxia impresionantes.

En 1996, no ITAE de Asturies, no traballo final, de cuarto curso de Interpretación, coa peza La doma de la furia de Shakespeare, o director Santiago Sánchez (de L’Om-Imprebís. Valencia), utilizaba como unha especie de guía La puerta abierta de Peter Brook e seguía algunhas das indicacións e reflexións que o mestre británico nos brinda nese esclarecedor e útil volume. Logo, téñome encontrado, varias veces, tempo despois, con Santiago Sánchez nos teatros de Barcelona en espectáculos de Peter Brook. Sen dúbida, un lugar de encontro que nos reconfortaba e nos reforzaba no noso amor polas artes escénicas e os seus valores máis excelsos.

Lembro, tamén, os exercicios que nos poñía Joan Abellán, na súa interesantísima e iluminadora materia de Llenguatge Escènic (Linguaxe escénica), no Institut del Teatre, coa análise, en vídeo, da versión da ópera de Bizet Carmen en La tragédie de Carmen, ou Le Cérisaie (O xardín das cerdeiras) de Antón Chékhov, que aínda utilizo eu nas miñas aulas de dramaturxia. Hai algo que atravesa a forma teatral de época e que se conecta, certamente, con aquilo que Valle-Inclán sinala no poema “Rosa Gnóstica”:

“Nada será que no haya sido antes.

Nada será para no ser mañana.

Eternidad son todos los instantes,

Que mide el grano que el reloj desgrana.

[…]


Publicidade

Guarda el Tiempo el enigma de las Formas,

Como un dragón sobre los mundos vela.

Y el Todo y la Unidad, supremas normas,

Tejen el infinito de su estela.

[…]

¡Todo es Eternidad! ¡Todo fue antes!

¡Y todo lo que es hoy será después,

En el Instante que abre los instantes,

Y el hoyo de la muerte a nuestros pies!”

Quizais o que nos ofreceu Peter Brook, a quen o sentimos como un referente e un facho para orientarnos, vai continuar e ser despois, de diferentes xeitos. Por iso, quizais, malia ao efémero de todo canto existe e vive, como o teatro, é Eternidade.

O espazo baleiro, aquel texto do que tanto aprendemos, nunca estivo tan cheo, grazas á intercesión do seu autor, nesa concepción na que o teatro pode ser cando hai conexión de enerxías, pensamentos, imaxinacións e emocións. Un xogo que nos expresa e que expresa as inquedanzas que nos habitan. O espazo baleiro de ruídos e adobíos innecesarios, que non permiten a concentración e o florecemento da acción, como entidade humana, en colaboración, que abre cuestións na procura do inalcanzable sentido. Pero nin esta nin a enerxía se crean nin se destrúen, por iso as que abriu Peter Brook continúan.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Companhia CertaDONODONADA 32 |

Un novo encontro coa Mostra Internacional de Artes para o Pequeno Público de Almada

Aucune Idée de Christoph Marthaler

‘Aucune Idée’ | 39 Festival de Almada