Hoxe, sábado, 9 de xullo, ás 19h30, dentro da programación da 39 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, preséntase o número 103 da erregueté | Revista Galega de Teatro, correspondente ao primeiro semestre de 2022. O acto vaise celebrar na Capela do Hospital, nos Xardíns do Señal, á beira do mar, en pleno centro da vila de Cangas.
O número 103 da erregueté | Revista Galega de Teatro dá conta de case todo o que aconteceu nos escenarios galegos durante esta temporada. A publicación sobre artes escénicas, con 39 anos de historia, segue adiante cun deseño e uns contidos renovados, tentando non discriminar ningunha modalidade ou formato escénico. Na capa deste número destácase o circo, a danza vertical e a maxia, feitos en Galiza, e tamén se pon en destaque a década do Festival Atlántica de narración oral.
Ademais, esta tarde na MITCF de Cangas, tamén se presenta o segundo libro da colección de textos teatrais, cun par de pezas de moi distinto signo. Dúas historias de amor. Unha entre dúas mulleres, as primeiras que, desafiando a violencia heteropatriarcal, emprenderon a aventura de casar: Elisa e Marcela, o espectáculo co que A Panadaría gañou moitos premios e bateu un récord de funcións, dentro e fóra de Galiza. A outra, O esboroamento da tenrura, sobre o amor filial e a perda da nai, a obra que se fixo co prestixioso Premi Born de Teatre.
No acto de presentación desta tarde, guiado pola subdirectora da revista, Ana Abad de Larriva, teñen previsto asistir e intervir, entre outras persoas e representantes de entidades colaboradoras, a deputada de Cohesión Social, Olga García, da Deputación de Pontevedra, a concelleira de Cultura do Concello de Cangas, Aurora Prieto, e un representante da MITCF de Cangas, Xoán Carlos Riobó, membro, tamén, do Consello de Redacción desta revista.