A Compañía Entremáns estrea Minguantes, este domingo 17 de xullo 2022, no Festival Rúa Ext-Cénica de Oleiros. Unha nova peza en formato curto para espazos non convencionais. O seu título, Minguantes, fai referencia ao que empeza a esgotarse, a escasear, a faltar, desde a perspectiva do corpo humano como maquinaria case perfecta á que o tempo vai desgastando.
“Vimos ao mundo cun corpo que lanzamos á vida para enchelo de experiencias, disposto a recibir e a dar, un corpo que rexistra e memoriza vivencias pasadas e desexos futuros, cun algoritmo propio, o sentir.”
Minguantes é unha peza que penetra no universo temporal de dous individuos que van envellecendo. Corpos que atravesan o camiño dos cambios onde todo parece ir máis rápido que de costume e onde xa correr quizá non é unha opción.
A peza complétase coa banda sonora orixinal de Ismael Berdei, o vestiario de Ruth D. Pereira e Santos Salgado, a voz en off de Rocío González e a interpretación de Armando Martén e Ana Beatriz Pérez (Betty).
No Festival Rúa Ext-Cénica de Oleiros, Minguantes comparte programa con Onde pousa a humidade, de Marcia Vázquez, e Feelings de Janet Novás.
Vai ser no Parque José Martí de Santa Cristina, Oleiros (A Coruña) ás 21h.