in

Sobre o peche da Librería Hobbit

Imaxe artigo 26 |
Foto da LIbrería Hobbit. Vigo.

Hobbit:Nun buraco no chan, vivía un hobbit. Non era un buraco húmido, sucio e repugnante, con restos de vermes e cheiro a barro, nin tampouco un buraco seco, espido e areoso, sen nada no que sentarse ou no que comer: era un buraco-hobbit, e iso significaba comodidade”.

Dentro do ecosistema capitalista existe un lugar que merece a pena. Chámolle ecosistema pero non é precisamente “eco” a partícula máis acertada para referirse ao monstro ese… En todo caso, o que quero é destacar que entre tendas de roupa, bancos que desafiuzan e supermercados coa inflación disparada, están as librerías.

Xa dende pequeno as librerías supuxeron para min un lugar de confort e mesmo diría que de seguridade. Era entrar nun deses sitios envoltos en libros e querer estar alí o tempo que fose necesario, para satisfacer a curiosidade, ou atopar ese libro secreto que se convertera nun descubrimento persoal.

E así, a medida que fun avanzando polos anos, fun atopando e desfrutando de moitas librerías en moitos lugares diferentes. Porque eu, cando chego a un sitio novo, búscoas e infórmome sobre cales merece a pena coñecer, e alá que vou.

Cando empecei a estudar da Escola Superior de Arte Dramática, en Vigo, pasou algo parecido. Eu cheguei alí moi disposto a aprender cousas de teatro, pero tamén a coñecer xente. Ao lado da escola había dous lugares moi importantes, a cafetería que facía esquina, que xa pechou, e xusto dediante, a Librería Hobbit.

Durante todos os anos que estiven estudando alí, a Hobbit foi un refuxio constante e, definitivamente, algo máis ca unha librería.


Publicidade

Porque á Hobbit había que ir ao que fixera falta: Imprimir un billete de avión, escoitar boa música, presentar un libro ou, simplemente, falar con Toni, o dono.

Non foron poucas as veces que entrei alí para facer unhas fotocopias e saín, non sei canto tempo despois, logo de ter alí conversas sobre calquera cousa. Toni e a súa librería foron tamén un lugar para estar e refuxiarse dun mal día. A Hobbit foi tamén cariño, apoio e humanidade.

Hai unha semanas, Toni anunciou que traspasaba o local e durante os últimos días, foi poñendo á venda todos os elementos que vestiron o local. Os estantes, as mesas, a máquina de encadernar que tantas e tantas veces se usou, etc.

É triste ver como se vai desfacendo todo. Como as historias que alí sucederon se van descompoñendo na memoria dos que tivemos a sorte de gozala. As novas xeracións que entren estudar alí non poderán tomar ese algo tan necesario na cafetería da esquina, e non poderán ir á Hobbit mercar un boli só para poder falar con Toni sobre o que sexa. Unha combinación ganadora. É algo que xa foi, que foi bonito e que remata.

Por iso, grazas.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Dende o ano 2019 presenta o podcast Procastination e é un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

2022 MINGUANTE 69 |

Entremáns estrea ‘Minguantes’ no Rúa Ext-Cénica de Oleiros

Ensaio INLOCA |

Matarile estrea en Galicia ‘INLOCA’