in ,

‘Relato para un incendio’ ǀ 38ª MIT Ribadavia

295135045 466611102136685 826717567161938409 n |
Imaxe da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

O que arde

 

Cometimos culpa el tribunal… [al no reconocer] la ambigüedad y perplejidad de la materia. Cometimos [defectos] en la fidelidad y recto modo de proceder… en que no escribíamos enteramente en los procesos circunstancias graves… ni las promesas de libertad que les hacíamos y otras sugerencias para que acabasen de confesar toda la culpa que queríamos, reduciéndonos nosotros mismos a escribir sólo para llevar mayor consonancia de hacerlos culpados y delincuentes. Tanto que también por esto dejamos de escribir muchas revocaciones.

Alonso de Salazar y Frías, Informe al Consejo de la Suprema Inquisición.

 

Son as oito da tarde do 21 de xullo de 2022 e asistimos á estrea absoluta de Relato para un incendio na 38ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, mentres por toda Galiza acontecen manifestacións contra a vaga de incendios forestais que asolan o noso país. Son as oito da tarde do 21 de xullo de 2022 e Galiza arde por todos lados, outra vez. Son as oito da tarde do 21 de xullo de 2022 e a memoria das aldeas, xentes e natureza do Courel, os Ancares ou e O Barco esvaécese nas cinzas espalladas polo ruxido do vento. Son as oito da tarde do 21 de xullo de 2022 e a nosa forma de protesta é a de asistir a unha presentación teatral, porque o teatro é política e é protesta, posicionamento, voz clara.

O teatro é a nosa memoria. Falaban os dramaturgos Ernesto Is (autor do texto de Relato para un incendio) e Alberto Conejero (autor e director de El mar: Visión de unos niños que no lo han visto nunca, a peza que puidemos ver no Auditorio Rubén García de Ribadavia esa mesma noite), durante o foro posterior á última presentación, da importancia daquilo que fica en silencio en ámbalas dúas pezas. E certamente é o silencio, ou o que fica en silencio nas nosas vidas, o motor destes textos que fan fincapé na importancia da memoria.

Son precisamente estes dramaturgos os que rompen ese silencio e fan, a través do teatro, que a nosa memoria estea viva, contemporánea cos feitos que latexan sobre as táboas. Así presente e pasado conviven con nós e somos quen de revivir feitos separados polo tempo, que se cadra non eramos quen de relacionar.

A proposta de aAntena foi a seleccionada para levar a escena este texto, dentro da segunda fase da I Bolsa de Dramaturxia e Creación que o Centro Dramático Galego impulsou o ano pasado e que, como é sabido, a súa primeira parte gañou Ernesto Is.

Adaptada ao espazo da igrexa da Madalena de Ribadavia, Relato para un incendio entretece pasado e presente, para poñer en relación os estudos que o antropólogo danés Gustav Hennigsen fixera durante os anos sesenta pola zona de Ordes e os incendios provocados por unha veciña de Cerceda, no ano 2016.

Estes estudos estaban centrados nas crenzas e prácticas relacionadas coa bruxería, nunha Galiza rural e ancorada no pasado que non lle daba valor ao seu. Coma sempre.

A brutal vaga de incendios do ano 2016 arrasou máis de 20.000 hectáreas dun bosque esquecido polas autoridades, coma sempre, no que xa non vive a xente nin hai animais para que o rocen, mentres Galiza substitúe os montes de eucaliptos e piñeiros queimados por torres eólicas.


Publicidade

A peza relaciona ámbolos casos, de xeito que podemos ver fundamentos da traxedia actual na propia idiosincrasia da nosa terra, no seu carácter resignado e infravalorado, que prefire crer que a fonte do seu mal está nx veciñx antes que nxs que toman as decisións nos seus despachos, aos que se segue a votar.

Mentres tanto, arden os montes.

Os incendios que abrasan hoxe Galiza comezaron en 1940, cando os represaliados da Guerra Civil, como presos, foron obrigados a prantar piñeiros e eucaliptos nos montes galegos. Os incendios que abrasan hoxe Galiza comezaron en 1957, coa fundación da Empresa Nacional de Celulosas de España, privatizada como ENCE Energía y Celulosa S.A. no 2001. E así poderiamos seguir coas políticas da Xunta de Galicia en materia de prevención de incendios, o recrutamento e formación de brigadistas, a adxudicación de parques eólicos…

O tema da bruxería tamén abonda neste universo, xa que as crenzas e supersticións favorecen a desconfianza en troques do apoio comunitario, especialmente sobre o universo feminino. Así podemos ver a esa veciña de Cerceda convertida nunha nova meiga posta sobre das lapas que, se cadra, ela mesma orixinou.

A dirección de Xosé Leis pon o foco no traballo actoral, cunha escenografía moi sinxela e mutábel, da que o elenco vai tirando vestiario e obxectos que lles axudan a compoñer os diversos personaxes polos que van pasando neste decorrer a través do espazo e do tempo.

Esta escenografía, composta por unha serie de mesas en ringleira, que lembran ás mesas da cociña que podemos atopar en calquera casa do rural galego aínda hoxe, e unha serie de caixóns de madeira con aire de artesa, relaciónase directamente con unha iluminación que lembra de forma constante ás lapas que asoman por tras dos montes. Un traballo composto a man entre José Manuel Faro “Coti” e Montse Pinheiro, e adaptado ás dimensións do interior da capela.

Enriba das táboas, o traballo de Manu Fernández, Victoria Pérez e Isabel Risco, que camiñan entre personaxes, cambiando de tempo histórico, carácter ou xénero, con grandes doses de versatilidade. Resultan especialmente tenras as súas incorporacións das xentes da aldea, se cadra polo achegado que temos a súa memoria. Unha mágoa que a resonancia das paredes da igrexa non axudara para unha mellor recepción dos seus parlamentos, obrigadxs como estaban pola mesma distribución do espazo a dirixirse a un público situado a tres bandas.

No fondo, unha enorme pantalla de proxección onde nos atopamos coa imaxe de Carl Theodor Dreyer, mítico director de cine danés confrontado coa súa máis que cuestionábel forma de tratar ás súas actrices, de xeito que podemos relacionar tamén este feito coas nosas meigas autóctonas e mesmo a famosa pirómana de Cerceda (que non era pirómana, senón incendiaria), cos seus rituais de candeas e lume.

Unha mirada, a do trato histórico ás mulleres (e ás mulleres tidas por meigas, en específico) que fica máis apuntada que resolta, como a folla cincenta que chega aínda ardendo polo ar, deixando que sexa o público o que tire por si mesmo a súa relación.

Comentaba Alberto Conejero que nós somos o froito do que foi, pero tamén do que non puido ser. Así, pregúntome hoxe, que país será Galiza no futuro, logo de queimar todo o que se pode queimar? Que país podería chegar a ser, de non ter sido abrasada polas propias persoas que a habitan?

Relato para un incendio, aAntena

Autoría: Ernesto Is

Dirección: Xosé Leis Martínez

Intérpretes: Manuel Fernández, Victoria Pérez, Isabel Risco

Deseño de Espazo escénico e Iluminación: José Manuel Faro “Coti” e Montse Pinheiro

Espazo sonoro: Xabier Romero

Vestiario: Mar Fraga

Coreografía: Noa Seixo

Audiovisuais: Dani Viqueira

 

Igrexa da Madalena, Ribadavia. 21 de xullo de 2022.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

HAMLET MIT 3 |

Hamlet – 38ª MIT Ribadavia

Alma de tigre © Vanessa Rabade 2 |

A Agadic impulsa os novos espectáculos de 28 compañías a través das súas axudas á creación