in

A Agadic impulsa os novos espectáculos de 28 compañías a través das súas axudas á creación

Alma de tigre © Vanessa Rabade 2 scaled |
'Alma de tigre'. Imaxe de Vanessa Rábade

A Xunta apoiará os novos espectáculos das 28 compañías profesionais galegas que resultaron beneficiarias da convocatoria de subvencións á creación escénica de 2022. Os fondos destinados a esta liña de axudas da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ascenden a 800 000 euros, que se repartirán entre as sete propostas escollidas na modalidade de compañías de recente creación, as cinco seleccionadas no campo da danza e das arte do movemento e as 15 elixidas do ámbito xeral que engloba as producións de maxia, teatro e novo circo.

A este cómputo xeral, que se pode consultar na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, cómpre sumarlle o proxecto beneficiario no apartado de actividade escénica de carácter plurianual. A través desta última categoría, procúrase facilitar unha planificación a medio prazo das actividades das compañías. Desta volta, Elefante Elegante é a única adxudicataria desta modalidade, polo que recibirá 100 000 euros para desenvolver a súa folla de ruta, ideada para o período comprendido entre o 2022 e o 2024 coas montaxes de Kyoki e Un momento precioso, ademais de continuar coa distribución de Alma de tigre e doutros espectáculos do seu repertorio.

Teatro, novo circo e maxia

No que respecta ao apartado dedicado a propostas de teatro, novo circo e maxia, a Xunta contribúe economicamente ás 15 futuras producións doutras tantas compañías. Así, Sarabela Teatro contará con esta subvención para o seu espectáculo Contos Arraianos, Butacazero para a obra Papaguena, Talía Teatro para Unha inimiga do pobo e Producións Teatráis Excéntricas para Pirolíticos, a nova obra de Mofa&Befa. Pola súa banda, Redrum Teatro disporá tamén desta axuda para Hamelín, Ainé Producións para Códice-K, Caramuxo Teatro para Crisálida e Matarile para Proxecto Woodman.

Catro compañías de monicreques erguerán as súas novas montaxe co apoio a través destas axudas: Títeres Cachirulo para O tesouro esquecido, A Xanela do Maxín para Coliño, Os Monicreques de Kukas para Viva Vivaldi (1,2,3 e 4 estacións) e Viravolta Títeres para A regadora de asubiote. Finalmente, tamén obteñen a condición de beneficiarias De Ste Xeito Producciones para o seu espectáculo La resurrección de Nuno, Culturactiva SCOOP Galega para Castelao e Ártika Cía para a súa peza Mosca.


Publicidade

Danza e novas formacións

As artes do movemento contan cun apartado específico nas subvencións á creación escénica, co obxectivo de favorecer os proxectos de danza e facilitar a súa distribución nun marco de impulso acorde ás liñas mestras do Plan Integral para a Danza que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acordou tras un proceso de diálogo participativo coas principais asociacións e entidades do sector. Neste sentido, subvenciónanse cinco proxectos: Nós, de Nova Galega de Danza; Sin la soga al cuello, de Ensalle Teatro; Multiperspectiva#2, de Paula Quintas Cía; Frida, de Cristina Collazo para A Cova das Letras, e Magma, de Incendiaria.

A Xunta de Galicia contribuirá tamén mediante esta liña aos proxectos escénicos de sete compañías de recente fundación. As beneficiarias nesta categoría son Stracciatella Teatro para a obra O refuxio. Unha comedia sobre o triste que é todo; Sonsoles Cordón por parte da compañía Olivas Negras, para O rapto de Befana; Rafael Rey Domech da compañía Moving Compass para a produción Papi Facebook;  A era do like, Greta Marí para The Great Greta; e Iván Davila da compañía Negro López para o proxecto Backstage. Pechan a relación de beneficiarias Antela Cid, de Compañía Humana, para Ifixenia na porta do súper e Carmen García Facorro, por parte de Amorodio Teatro, para La Madre.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

295135045 466611102136685 826717567161938409 n |

‘Relato para un incendio’ ǀ 38ª MIT Ribadavia

294085522 463257335805395 2494563776382717417 n |

Las aves